23 de dezembro de 2012

Eu bem me entendo

Íame ponher a desbarrar e entero-me da morte de Ceferino Díaz, galeguista senlheiro do PSdG, um home que destilaba autenticidade. Quizais con máis motivo debo encetar coma quería o meu comentario. Nom gosto de ser moralista, inda que tod@s o sejamos um pouco. O caso é que isto pasa cando o país no que respiras se parece pouco ao país que tés na cabeza, ao que imaxinas. Tenho a sensación de que para muita xente na Galiza, e tamén fóra dela, a modernidade consiste em ir os Sábados pola tarde ao novo megacentro comercial e a prova xa indiscutível de que estamos homologad@s aos estandáres europeus é que  neste centro comercial haxa H&M. Iso sí que é Unión Europea. Claro, eu cando penso en modernidade venhen-me aos miolos esas vilas cuase idílicas (se non for polo recargolamento pancarteiro) do norte de Nafarroa, onde o raro é atopar un caserío abandonado. Nom vou  ser eu quem diga STOP centros comerciais!...que tamén os visito de vez en cando e cómodos van sendo, e os de Leitza son abertxales mais tamén suponho que baixan a Donosti e mercar no que haxa por alí. Mais coma di  meu pai, eu ben me entendo co que quero dizer. Aquí o deixo, a ver que entendedes vós. 

26 de novembro de 2012

A minha leitura das elecións catalanas

Catalunya é fascinantemente complexa e estas elecións do 25-N volven a plasmar a riqueza política (derivada da complexidade social) do país do noreste peninsular. Vaia por diante que son un catalanófilo, estimo esa terra e esas xentes diversas e por tanto peco de paixón.

Resúltame fascinante desde un punto de vista politolóxico a forma en que as forzas políticas en Catalunya, tanto as asentadas coma as que emerxen, plasman tan nítidamente os intereses e sensibilidades dos diversos estratos da sociedade catalana, de tal maneira que case poderíamos facer unha deconstrución da mesma ao estilo Ferrán Adrià, en base aos dous eixos que son autónomos e que tan perfilados e matizados están no sistema político e social, cos seus debidos vasos comunicantes. Dunha banda o eixo nacional, catalanismo/soberanismo versus españolismo, doutra banda o eixo social esquerda/clases populares vs dereita comandada pola alta burguesía. E con estes eixos podemos ir colocando a cadaquén no tabreiro coma se dun puzzle se tratase, puzzle imperfecto e poliédrico obviamente. CiU no centro-dereita nacionalista, PSC no centro-esquerda semicatalanista/semiespañolista, ERC no centro-esquerda soberanista, o PP no centro-dereita españolista, ICV na esquerda catalanista matizada, Ciutadans nunha especie de remexido outsider de españolismo centrista, as CUP na esquerda radical independentista, PxC a ultradereita conservadora, Solidaritat independentismo centrista.

Ben, despois disto vou tentar dar as minhas claves das elecións partindo da premisa de que inda sendo certo que o eixo nacional era o preponderante mediaticamente nestas elecións, en Catalunya, o eixo social, máxime nesta situación de crise económica, nunca pode deixarse de lado.

Eixo nacional. Seica en Madrid se congratulan de que o soberanismo fracasase. O que fracasou, con matices, foi a estratexia de CIU de capitalizar o proceso social soberanista obtendo esa maioría "excepcional". Ainda así, convén dicir que a CIU máis radicalizada e soberanista, desgastada pola brutal adopción de medidas anti-sociais de visión neoliberal, obtivo 1 millón cen mil votos, máis do dobre co segundo partido. Mais vaiamos aos números...as forzas políticas que levaban o dereito a decidir no seu programa eleitoral, nunhas elecións moi centradas neste aspecto, suman máis de 2 millóns 100 mil votos (CIU+ERC+ICV+CUP+SI) fronte aos  800 mil votos pasados que suman as forzas contrarias ao dereito a decidir por presupor que Catalunya é parte da nación española (PP+ C'S+ suponho Plataforma x Catalunya). Entre medias sitúanse os 525 mil votos dun PSC federalista que acepta o dereito a decidir dentro dunha consulta legal. Con estes datos na man na minha opinión sería unha FRAUDE DEMOCRÁTICA tirar atrás un proceso nacional cando menos de consulta á cidadanía. Ou valen máis os votos españolistas que os favorábeis á autodeterminación? Que clase de fracaso é este do soberanismo?

Dito isto, gustaríame facer unha reflexión que acho tamén debería facer con serenidade o conxunto do catalanismo político. O proceso social e político hexemónico soberanista que leva xa anos movéndose en Catalunya está creando un contra-proceso españolista de sectores non hexemónicos mais significativos da sociedade catalana, especialemente na area metropolitana de Barcelona, que é onde está o meollo demográfico do país. Falamos claramente das clases populares de orixe español (en xeral), xa non só d@s pioneir@s senón de segundas ou mesmo terceiras xeracións moi refractarias á transversalidade catalanista.  Non tenho dados comparados (non os miro por preguiza) mais estou certo que o españolismo explícito (PP + C,S) logra nestas elecións o melhor resultado da historia da actual autonomía catalana. Paradóxico mais aí está a cousa. Nestes estratos da sociedade catalana xoga un papel fundamental en termos de coesión social e nacional o PSC, que sempre actuou coma espazo de interacción entre esta poboación de orixe español e Catalunya coma feito diferencial, desde unha óptica progresista. O PSC retrocedeu muito nestas elecións mais o PSC éche muito PSC e ben faría o catalanismo político en considerar que o seu espazo na política catalana é central para a coesión social e nacional de Catalunya. Estou certo que ese papel vaino seguir xogando e nese sentido creo que a mensaxe de centro-esquerda federalista que deron artella unha sensibilidade mui significativa fagocitada pola polarización que provoca a crise económica e o conflito nacional.

O eixo social é o que probábelmente frustrou o plan Mas, que non o proceso soberanista ou de avance nacional. Os avances de ERC, ICV e as CUP son un toque de atención á alta buguesía catalanista ( e ollo que en Catalunya tamén hai alta burguesía españolista) de que muita xente na avanzada Catalunya quere compaxinar o avance nacional co social, cando non priorizar este último eixo. Tamén habería que analizar máis en detalle se ERC capitalizou o voto independentista por consideralo algúns sectores máis auténtico, e ata que punto desgastou a CIU e a Mas a campaña de El Mundo.

Nada mais polo momento, a ver se este pobre disparo ao aire vos suxire algo e non vos cae o casquillo na cabeza.

Ah, só unha cousa. Se chegastes aquí só dicirvos: a información, cantos menos intermediarios tenha, melhor. E menos se @s intermediari@s están na capital do estado. Hoxe as novas tecnoloxías permiten acceder aos medios de Catalunya con facilidade e non vos preocupedes, alí hai para todos os gustos. A senyera catalana en realidade debería ser de colorines, coma é o propio país real. 

Resultados aquí   



20 de novembro de 2012

Galiza

Xa vai case para un ano que voltei á minha Galiza natal, despois dunha longa estada en Catalunya, onde fixen todo o posíbel por empaparme das cousas novas que vía. A emigración é un drama colectivo mais certo é que sair do nío matrio concede unha riqueza e unha perspectiva que mesmo axuda a ver con outros olhos a propia realidade galega.

E hoxe quixera centrarme en reflexionar sobre Galiza. Dóeme este país porque non se corresponde case nada ca idea de país que a min gustaría. Suponho que non pasa nada, tampouco é cousa de obsesionarse, mais hai tanto trabalho por facer!

Observo en Galiza unha sociedade descabezada, sen discurso propio, sen autoestima, sen poder económico e político. A cuestión lingüística é o máis elevado síntoma de todo isto. Vaia por diante que considero tanto o castelán coma o galego (coma @s usuari@s destes idiomas) igualmente dignos e válid@s. A cuestión non é esa. O cerne do problema é o que un proceso de substitución lingüística significa. É para min significa a carencia de elementos de vertebración propia, de poder propio pra espallar un discurso que equilibre a construción nacional ca necesaria apertura ao mundo. Pasear polos centros das nosas cidades é a constatación do trunfo burgués (no sentido literal de burguesía, de xente do burgo) da castelanización, e moi especialmente entre a xente nova. A día de hoxe non contamos con ningún xornal diario en galego e a xente consume diarios galegos ou madrilenhos sen un mínimo discurso galeguista. As canles de televisión que vemos son fundamentalmente madrilenhas, igual que as radios, agás a radiotelevisión pública galega. Galiza non ten unha burguesía nacional, senón unha burguesía sucursalista e mesmo acomplexada do país, que admira e aspira a ser madrilenha. O galego que se fala está fortemente castelanizado, son muitos séculos dunha influencia que agora se fai abafante.

Reitero que do tema da língua o relevante en sí é o que revela en termos de construción dunha sociedade, e o que revela é dependencia e sobre todo, descabezamento, carencia de poder propio e por tanto incapacidade para a propia vertebración. Por por outro exemplo significativo (podería haber centos) á maioría de galeg@s cando lles preguntas de que equipo de futebol son non che contestan en primeiro termo en clave de Dépor/Celta senón de Real Madrid/Barcelona.

É por iso que así as cousas e con esta estrutura social non é de estranar que tenhan bastante razón os que din que o nacionalismo galego só é viábel en parámetros de esquerda e de captación nas clases medias e populares. Efectivamente o nacionalismo galego está sustentado en sectores das clases medias ou medias baixas ilustradas, sendo honrosas as excepcións de nacionalistas empresári@s de certo calado. Con todo a estrutura social tamén cambia e Galiza non é alhea a estes cambios, e sería (coma parece que comeza a ser) sintomático de avance que o nacionalismo galego despregue referentes ideolóxicos diversos con certa consistencia. 

Isto só é unha reflexión. Cómpre non desfalecer. Hai muito trabalho por facer e en muitos ámbitos. E na minha opinión sendo como é o nacionalismo galego un movimento de resistencia hai que pasar ao despregue de todos os medios e fundamentalmente neste momento ofrecerlle á sociedade galega unha alternativa de goberno nos concellos e no país críbel e competitiva que aspire a conquistar o poder político, ferramenta básica para a vertebración nacional. Un galeguismo progresista que fale sen paternalismo ca sociedade galega real.

19 de outubro de 2012

O 21 de Outubro

Vivo a política ata puntos de obsesión. Non é casualidade que teña un título que pon que son licenciado en "Ciencias" Políticas. O Domingo son as elecións do meu país. De Galiza. Facía tempo que non me implicaba tanto cunha formación política e de feito nunca tanto me impliquei. Con Compromiso x Galicia.

A esta formación votarei por vez primeira porque por vez primeira se presenta. Nela estou afiliado e fixen campaña activa.

Non me gusta a Galiza que debuxa o PP. Unha Galiza submisa a Madrid, limitada nas súas posibilidades creativas, unha Galiza que confunde a barra libre ca modernidade. Agora ben, e atentos ao que vou escrever, non considero malos galeg@s aos centos de miles de persoas que o Domingo lle van votar ao PPdG. E habería que preguntarlles porque o van facer. As esquerdas galegas a cotío nos olvidamos de que elas son tan povo galego coma nós. Cústame crer que o Domingo centos de milleiros de persoas van ir coma zombis depositar un papel nunha furna coas siglas do PP. Estou un pouco farto de vivir nunha burbulla.

Seica parece que nestas elecións vou quedar instalado nun remanso sen que me leve a corrente social. Agora hai euforia con Beiras. Non acredito en Beiras coma figura política. Non o vexo e non o vexo. Hai días fixen a brincadeira de que non o vía nin de presidente dunha comunidade de veciños. Vexo demasiadas contradicións na súa figura. E tamén o digo, estou farto dunha esquerda que constrúe un relato teórico por veces romántico e se estrela nos fangos da realidade material. E eu son de esquerdas, aí me sitúo, mais estou farto dela, da súa impostura. Tampouco creo en Esquerda Unida. Pra crer en Esquerda Unida quédome co BNG, que cando menos ten os pés chantados no país. E Esquerda Unida é o gran beneficiado da marea beirista. E sen ser un vidente, non sei porque me dá que o entedemento Beiras-EU non vai ser un camiño de rosas. A ver quen rompe primeiro. Mais non son un vidente.

O BNG. Os meus respetos polo BNG. Discrepo coa súa formulación ideolóxica e política nestes momentos, penso que teñen dificultades pra interpretar a Galiza actual, e discrepo con algúns métodos de actuación social, mais paréceme loable como o BNG construiu un espazo social e político con muita marexada en contra. E no BNG hai muitas mulleres e homes de a pé que aprecian este país desde o progresismo.

Compromiso x Galicia. ¿Por que? Esta árbore aínda pequena e verdecente. Creo que este país necesita unha forza política propia, nacional, de centro-esquerda, progresista e renovadora, sen dogmatismos e aberta, que ofreza o que a esquerda sempre ofrece á hora da verdade, un programa socialdemócrata, sen ter medo a recoñecer que a iniciativa privada, a economia de mercado, ten un papel na sociedade, mais que debe ser controlado porque, perdoade a expresión, ao capitalismo especulador "vaiselle a olla". Son progresista, aberto, con pensamento crítico, mais o de derrubar o sistema quédalle moi grande ao meu carácter sosegado.

Probablemente nestes tempos vende o show e o aspavento, e o insulto e a descalificación, e entramos en sicoloxías de masas, en lóxicas tensións sociais, en fallas e corrementos de terras. Mais un proxecto político debe ser algo máis que gaseosa sen xeito.

E agora vou dicir algo moi politicamente incorrecto, mais a cidadanía estamos dándolle a elixir entre o conservadurismo submiso e neoliberal do PPdG e unha alternativa dificilmente xestionable.

Compromiso x Galicia é unha forza galega, progresista, disposta a gobernar. Disposta a mollarse e gobernar. Non ser permanente oposición.

O camiño é longo e tortuoso e as obras colectivas imperfectas, mais coma dicían Manoel-Antonio e Álvaro Cebreiro, "en cada relanzo do camiño hai unha voz que nos berra: máis alá!"

14 de setembro de 2012

Raro

Ultimamente estou raro. De feito sentencio que a vida é rara e con isto non digo nada raro nin pasarei á historia das sentencias, que de todos modos se perderán no tempo. Ultimamente ando interesado pola política, concretamente a política do meu país, e pregúntome que estraño impuso nos leva a este interese. O amor pola humanidade? A xustiza social? Beiras está aí en primeira liña por elevado compromiso pola súa realidade? Ou é que lle pon a erótica das cámaras? Así con todo, non é por personalizar (que tamén ;) Estou confuso. Eu non derrubarei o capitalismo e confesarme anticapitalista quédame moi grande, prodúceme honestamente dislocación intelectual, mentras tecleo nun Acer con conexión a internet de R e miro os meu Camper recentemente mercados, e tal e tal e tal. Son reformista, confésoo, espero sexa perdoado. Case é consustancial á miña lacónica personalidade. Mañá é outro día. Quizais ou non ou sí día de ollar á realidade con ollos emocionalmente racionais ou asquerosamente materiais, no sentido sólido do termo material. Con liberdade, con esa liberdade que non é definible, con esa contradicción que fai que as cousas se escapen coma area entre os dedos. Menudo poeta. "Quien duda no espera remanso en el agua fiera", e xa me estou repetindo nos meus recorrentes temas, pra desesperación e abraio dos meus 2 ou 3 leitores fieis, que vos teño controlad@s. Quizais, ou non, ou sí, ou ni, a política sexa un rol máis no que sentirnos vivos, un teatro no que articular dogmas. Pra min a construcción de cousas boas. Cada vez gostaría de ser máis praxeolóxico, cos grandes relatos e as grandes etiquetas patino muito, sempre se me escapa algo nesas grandes bolas de aceiro atadas ao cerebro por unha cadea que son as ideoloxías. Son asquerosamente socialdemócrata heterodoxo adaptativo. Co corazón na esquerda. Esquerda, esa palabra santa que me atravesa, que non podo nin quero soltar. E simplemente é o lugar onde se sentaba o terceiro estado en non sei que parlamento da revolución francesa. E pregúntome eu, daquela había os cristos que hai agora. Seguro que sí. Así que mellor sempre estar vixiante e en todo caso a revolución, de existir, consiste en crear cultura para o cambio. Dixen

4 de setembro de 2012

Sen sentido

Acostumo a ter as preguntas pero non ter as respostas. É de noite, estou dislocado neste mundo líquido mentres a realidade, esta realidade castelo de area na praia, é unha montaña rusa de comentarios no facebook, teléfono móbil debidamente localizable, pés sen calzado, chandal e música no youtube. Galiza, ese furado no que meter a cabeza. O idioma inglés que lentamente nos penetra. No vull decidir i perdre aquest moment. O sosego non ten valor. Correr pola beira do río sentindo que a auga baixa coma ti. Xa o dixen máis veces, o ceo deste noroeste é unha ledicia...esas nubes apátridas, que non teñen que pactar nin coaligarse con ninguén. Ti. 2.0. Cementerios 2.0, reinos do absurdo. Estas palabras nin siquera me enchen. Volverei á subir e a baixar, e a verme encerrado na rutina coma un caracol pegañento contra o cemento seco e áspero. Volverei a crer no cambio, na crispación, na crisálida, en derrubar muros e construir escaleiras á vida. Volverei ao repetitivo ceo e os repetitivos conceitos. Freedom!

http://www.youtube.com/watch?v=WMC_q99aI_I


20 de junho de 2012

By the way

Pode resultar que @s auténtic@s revolucionari@s sexan (sexamos) @s reformistas, e @s que se din revolucionari@s non pasen de reformistas. Xa o di a xenial frase popular: @s que van de guais non chegan a cháchis.

5 de junho de 2012

Heráclito sí, Parménides non

A vida é dialéctica concreta, un campo de batalla aberto e non sabes moi ben por onde che vai vir a bala. Nin a quen lle vas dar ti. Cústame ter principios estáticos, ideoloxía, e fico instalado na dúbida coma un surfista empoleirado na cresta dunha onda que nunca acaba, constante. Será a dúbida, o pensamento crítico, o que fai avanzar a humanidade? Quizais. Quizais por iso gostei da película Ágora de Amenabar, das súas ensinanzas profundas. Tod@s levamos un fascista dentro, un ser inflexible e limitado que nos momentos de presión sae por "peteneras" cunha resposta irracional e desenfreada. Tod@s temos unha chea de prexuízos e preconceitos inconscientes enraigados nun mesmo. Ben, esta é a reflexión da noite. A vida é dialéctica concreta, un proceso constante cun final patético. Pero aquí estamos, non temos escapatoria unha vez que o noso corazón comeza a latexar. Constrúamos, pois, desde a vulnerabilidade.

http://www.youtube.com/watch?v=EM4vblG6BVQ&ob=av2e


31 de maio de 2012

Ca corda ó lombo

Esta manhá escoitei esta canción a través das redes sociais, ademais por un motivo moi bonito coma é o nacemento dun neno. O caso é que me atopo melhorando o meu inglés e, ademais, a minha mente leva ecoando eses violíns e esa voz todo o santo día. Estiven a punto de bailar pola rúa. O tema xa o conhecía, pero nunca reparara nunha letra tan fermosa, fulgurante e libertaria, que merece esta entradinha no blogue, a ver se vos pasa o mesmo! ;)

http://www.youtube.com/watch?v=XFrMSJgOIpM



11 de maio de 2012

Un misterioso asasinato nunha aldea de Viveiro

http://www.crtvg.es/informativos/dous-cans-matan-unha-vaca-en-viveiro-281869#.T62U11KWJKG


O pasado 28 de Marzo deste ano o informativo da TVG Galicia Noticias comezaba a súa edición cunha conmovedora nova: dous cans sen dono asasinaron, presuntamente (vivimos nun estado de dereito), a unha vaca e quedaron deitados xunto á víctima ata que un ser humano, a dona da vaca, apareceu, momento no cal os supostos criminais se deron á fuga. Os feitos son especialmente arrepiantes se temos en consideración que o móbil do asasinato non foi un natural interese gastronómico dos cans cara a vaca, cousa que pode entrar dentro da lóxica da cadea animal, pois tamén mesmo os humanos matamos animais pra nos alimentar. Non! Os cánidos mataron a vaca e non contentos con iso agardaron, nun acto de extremo ensañamento, xunto ao cadáver. Por sorte, unha outra vaca, ademais preñada, logrou safarse do ataque.

Un equipo de reporteir@s da nosa televisión nacional, a TVG, desprazouse ao lugar dos feitos, unha aldea de Viveiro sen precisar, e tomou declaración (nun sentido xornalístico, non policial) aos donos das vacas. Coma se pode ver na gravación a muller adoita unha posición descriptiva, relatando como atopou a vaca morta e os cans custodiándoa. Ao final atrévese a facer unha valoración emocional, normal por outra parte, afirmando que a vaca tivo que sofrer moito co atenuante de ser un acto a "sangre fría". A intervención do seu home resulta máis explicativa e mesmo diría que moi inquietante. En primeiro lugar, mostrando certa sabiduría previa, alude ao posible modus operandi dos suxeitos neste tipo de crimes. Pero o que resulta máis turbador e é un dato significativo que debería ter máis profundización, é o feito de que o home afirma que a vaca era unha vaca "violenta". Para min estamos ante un dato que pode cambiar o sentido do tráxico suceso. Porque que pasa se establecemos como hipótese de investigación que foi a vaca a que comezou as hostilidades ou mesmo que chegou a tal nivel de provocación que os cans responderon, iso sí, dun modo desproporcionado? Habería lugar a falar de defensa propia? Por que non remataron a vil faena ca outra vaca preñada, podendo seguramente facelo? Por qué unha sí e a outra non? Sen dúbida ábrense interrogantes que poñen enriba da mesa que ás veces as aparencias enganan e hai que chegar ao fondo dos asuntos. Mesmo poderíamos supoñer como remota hipópese unha trama urdida polo home, que non gostando do carácter violento e conflictivo da vaca, podería ter contratado aos cans pra axustar contas.

O caso é que o suceso é estrano, e aínda máis se consideramos que en ningún momento parece que os cans tiveran precedentes actos conflictivos no lugar, posto que ao menos un deles xa era coñecido na súa condición de can sen dono, can bravo, can vagabundo. Isto lévame tamén a reflexionar sobre cales foron as circunstancias que levaron aos cans á condición de animais lumpen vagantes e se tivo isto algo que ver no fatal desenlace, dalgunha maneira. Foi unha escolla persoal? Foi debido a un proceso de exclusión social, tendo en conta o carácter domesticable dos cans? Foi unha combinación das dúas? Pode levar a marxinación a cometer actos de tamaña crueldade? Eran cans con estigmas? Deixo estas preguntas no ar.

Sobre o tratamento informativo que fai a nosa televisión pública tamén caben unhas cantas consideracións. Non vou ser eu quen diga que un asasinato destas dramáticas características non sexa noticiable, pero na miña opinión faise un tratamento sensacionalista, buscando incidir nos aspectos máis emocionais e mórbidos, como amosarnos unha poza de sangue ou, o que me parece máis grave, ofrecendo un primeiro plano da vaca que se salvou, que abondo tivo co traumático acontecemento, co agravante de estar embarazada. Que o faga Pedro Piqueras en Tele5 pode valer, pero a unha canle pública podemos esixirlle un código profesional máis intenso.

Sexa como for, a vaca está tristemente morta e os cans teñen todas as papeletas e indicios para seren declarados culpables do asasinato. Os feitos están en coñecemento da policía e por tanto nestes momentos os cans son uns fuxitivos da lei. Sen sabelo exactamente e tendo en conta que os cans non se poden defender verbalmente das acusacións que se lles atribúen, a condena para estes casos é a pena de morte por inxección letal. Vamos, que o teñen fodido, a non ser que a policía profundice nas hipóteses que plantexo neste post, o cal podería suavizar o duro destino dos animais. Só me queda preguntarme se estes cans terán coñecemento da historia de Thelma e Louise.

http://es.wikipedia.org/wiki/Thelma_y_Louise#Argumento


8 de maio de 2012

Safari mental

Chove. Cada pouco miro pola ventá pra ver como chove, cunha certa sensación de prisión, de impotencia, de limitación. Non podo ir correr e éntrame o delirium tremens. Estou facendo un cocido. Gústame o olor dos ingredientes mentres cociño, especialmente o olor dos cañotos dos grelos. Teño a radio acesa, Radio 5, que me recorda que aí fóra o capitalismo segue na súa montaña rusa, nas súas cíclicas crises...
Sobre a mesa teño un libro recentemente saído e mercado na Feira do Libro de Compostela: "¡Acabad ya con esta crisis!", de Paul Krugman, que parece ser o Keynes do noso tempo, pero de momento non lle fan caso. A pota fai glú glú glú mentres escribo isto.
Chove. Estou aquí. Parado. Krugman di que a miña é unha situación estructural. Un drama humano e social. Desaproveitado. A chuvia tamén é unha situación estructural. Leva un mes e medio chovendo.
Glú glú glú glú. Chop chop chop. Xa teño os greliños escollidos e limpos, a carne e os garbanzos cocendo e as patacas en posición de saída.
Mentres podía mirar o facebook, o correo e trangalladas varias, pero comezo a pensar que o facebook sobre todo é unha espiral, un abismo no que entras e te atrapa e mesmo te atonta. Hai que dicirlle que non ás veces.
Miro a ventá. Chove, barruza, orballa. Facendo un cocido quedas moi ben pero é realmente aburrido. Realmente fácil. Iso sí, só tiven o erro de non acordarme de poñer a remollo os garbanzos.
Francia, Grecia, China, O Novo Proxecto Común, Mourinho, a chuvia, e este jicho posible presidente da SGAE!

www.youtube.com/watch?v=1rRCehu79-A

Glú glú glú. Chop chop chop.

Safari mental...


19 de março de 2012

24 de fevereiro de 2012

Tormenta de sensacións.

As vacas non teñen facebook. Topicazo.
O caso é que toda unha vida vendo eses singulares elementos, as vacas, e son unhas grandes descoñecidas para min. Son puntos na realidade.
O outro día acadei levitación mística no meu coche de tecnoloxía alemana escoitando flamenco do bo por radio 3, mentres sulcaba a Terra Chá, que somentes é un pobo alí, outro acolá.
Os tractores John Deere teñen algo de movida pop-art. Teñen deseño nacional-popular e son un punto de encontro entre Lleida e Lugo.
Na tenda da cooperativa dos Irmandiños na Devesa venden tractores John Deere de xoguete, con todo tipo de accesorios, para que xs nenxs emulen aos pais.
As nubes non teñen patria, son claramente libertarias e misteriosas.
Que o sol quente en Febreiro ten algo de apocalíptico. 
No aeroporto de Xenebra todos os taxistas eran portugueses. Seguramente do Norte, e esteticamente de Baralla ou Láncara. 
En fin, xa me expresei un anaco e secou a fonte. 

2 de fevereiro de 2012

Anatomía dun instante

Esta mañá fun correr a pesar do frío que vén de Siberia. De feito inda era frío a medias, pero frío. Almorcei, puxen o traxe de superdeportista (mallas longas e camisola térmica megaguai) que me regalaron os meus compañeir@s de ex-traballo, e alá fun catar os ventos case polares. Os corredores habituais temos unha especie de adicción e soemos dicir aquelo de que correndo se sinten cousas difíciles de explicar e fáciles de vivir. Quizais Murakami no seu libro "Do que estou a falar cando falo de correr" soubo poñerlle verbas ás orgánicas sensacións do suceso.
O meu particular transcorre pola rasa da Mariña de Lugo, íntegro polo concello de Barreiros, alternando pistas interiores entre casas de labranza, chalets e demais cogumelos urbanísticos, ca grandiosa abertura do mar Cantábrico e a prácida tranquilidade da pequena ría de Foz.
Polo paseo marítimo zoaba o vento, contra o cal pelexei un bo anaco, e este mar, ao que hai sempre que temerlle, teimaba insistentemente en golpear a terra, as praias.
Algo que estou redescubrindo desde a miña volta a estes lares, é o marabilloso ceo, que adoro. Até no ceo o país teima en ser disperso, cunhas nubes densas que por momentos parece que che queren dicir algo. Tamén o ceo meditarráneo é apetecible, esa luz que acaba sulcando os ollos sen pedir permiso.
Despois dunha hora de trote a paso lixeiro, cheguei de novo á casa matrucia, e sen ducharme aínda, preparei a estufa de leña pra encender o lume. Ritual espiritual que acaba en pasmosa observación do fenómeno ardente. Primeiro quitarlle as cinzas ao habitáculo, despois enchelo de follas de periódico, que che permiten relembrar novas que eran importantes e agora son insignificantes, acto seguido escoller as mellores pezas de leña pra xerar a primeira brasa, e prenderlle lume cun chisqueiro e velar polo correcto desenvolvemento da invasión do "fogo". E finalmente buscar máis leña na palleira pra repoñer o canasto do salón, operación que che fai sentir rústico mohicano por un momento. Iso ata que te duchas no plato con temperatura regulable e te pos H&S no pelo e xel con partículas raras do Eroski no corpo.

24 de janeiro de 2012

Catalunya para galeg@s con poucos prexuízos (porque ningún é imposible)

Complexidade. Catalunya é marabillosamente complexa. Complexa no social, no cultural, no lingüístico, na orixe das súas xentes. Unha vez lin que aproximadamente a metade dos cataláns (persoas que residen en Catalunya) non naceron en territorio catalán. En Catalunya aprendín que ser catalán tamén é ser andaluz, rifeño, marroquí, extremeño, paquistanés, mallorquín, ecuatoriano, aragonés, ucraniano, e un longo etc... e por suposto galego tamén. Por iso e por regra xeral, por termo medio, e contra do que se di, os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen certas e obxectivas contradiccións.

Autogoberno. Se a xente da Iberia entendera que este concepto é a chave das noces para entender aos cataláns non habería tanta catalanofobia. Disque os cataláns piden e piden e non teñen fondo no seu insaciable egoísmo. Pero a maioría social do país catalán o que quere é basicamente máis autogoberno. Uns chámanlle independencia, outros transición nacional, outros federalismo. Pero ao cabo non piden máis que poder dispor do que eles producen, poder xestionar os seus recursos pra poder ser un país. Eis a clave.

Poder burgués. Non nos enganemos. Se Catalunya ten peso político é porque ten peso económico, poder industrial e estratexia económica de seu. Porque unha parte, que non toda, da elite económica do país se identificou ca reivindicación nacional, historicamente até os nosos días. Isto determina a capacidade mediática e institucional e a transversalidade do catalanismo. Xunto a unha sociedade civil moi dinámica en todos os ámbitos, e cando digo todos digo todos (deportivo, social, cultural, etc, etc,...)

Lingua. A vontade dos cataláns de manter viva unha lingua non global coma é o catalán é heroica, envexable e das cousas máis emotivas da sociedade catalana. E cun modelo, permítaseme a redundancia, modélico. Porque é unha soberana mentira que á xente se lle impoña o idioma catalán. Sinxelamente é unha lingua con valor na sociedade. Ou o tomas ou o deixas. En 7 anos non tiven ningún mal detalle pola miña condición de "nou català" e nin tan sequera ningún impedimento laboral polo meu catalán autodidacta e tirando a perralleiro.

Non hai arcadias felices e tampouco cómpre idealizar Catalunya e a súa sociedade complexa. Como hai luces tamén hai sombras. Pero Catalunya, probablemente pola súa ubicación e o seu carácter cultural ten ese punto de modernidade e progreso que tira da Iberia. Eu xa teño algo de catalán no meu sustrato persoal, ao que non penso renunciar e por iso sempre mirarei a Catalunya coma referencia. Permitídeme a cursilería, pero Visca Catalunya lliure!  

Manifesto praxeolóxico

Ás veces a xente, algunha xente, adoita a dicir aquelo de que as árbores nos impiden ver o bosque. Sen embargo ás veces, tamén, eu penso que é o bosque o que nos impide ver que hai árbores, e cales son. Que cada quen entenda o que queira. ¿?

16 de janeiro de 2012

He dicho que no

Nacín no 1979 e funme da Galicia á que agora volto en Setembro de 2004. Polo tanto medrei e fíxenme "grande" con Fraga coma presidente do meu país. Non teño unha visión positiva deste home ou dito doutro xeito, teño unha visión negativa. Era unha persoa conservadora, reaccionaria e autoritaria. Non me fío dunha persoa que di que ten o estado na cabeza. Lagarto, lagarto. Moi flipao. Xa sei e non lle quito o mérito de saber ver que os tempos estaban cambiando e que era renovarse ou morrer pra "derechona" española. Era un animal político capaz de xuntarse con Carrillo, con Fidel Castro ou con Beiras de "cenita". En Galicia, desde que recalou, fixo unha xestión e unha política cando menos criticable. Exprimiu ao máximo o clientelismo, un sistema de asignación de recursos que bloquea un país máis que facelo avanzar. Clientelismo, nepotismo, compra de vontades, inauguracións, gaitas, queimadas, romerías, golpes na mesa, carreto de votos, populismo, fixemos tantos ambulatorios, dámoslle empanada aos vellos. Demasiada realpolitik. E control lastimante dos medios de comunicación públicos. Recordo no ano 2001 a frustración persoal que sentín cando o PP voltou a gañar con maioría absoluta e Fraga coma candidato. E despois no 2005, con Prestige incluído, jamacucos e decrepitude, perdeu a maioría absoluta polos peliños do cú. Está claro que conectou cunha parte importante do pobo galego. Ese pobo co que agora Feijoó rentabilizará o que poida a morte do vello. Xa se porá TeleFeijoó en marcha pra iso.
Non vos sei meus amigos se alegrarme ou entristecerme ou non sentir nada do falecemento de Fraga. Desde logo non vou dar chimpos de ledicia. O que sí sei é que pra @s galeg@s este feito é importante porque estamos a falar dun símbolo que forma parte do noso imaxinario colectivo e que nos persegue alá a onde imos. Sexamos detractores ou admiradores. Persoalmente espero que a desaparición física de Fraga faga sacar á luz toda a realidade do personaxe, sen prexuízos, e tamén signifique un pasar páxina na historia dun país. Máis sombras que luces as deste home. Mal rollito.