2 de dezembro de 2015

Nómadas


Permítome traducir ao galego (do castelán) esta xoia do poeta sirio Nizar Qabbani. Foi publicada no 1988 pero ben podería ser o lamento dun refuxiado no ano 2015...

A vida é esta cousa estrana, horrible e bela.



Partido da chuvia

Eu vivo en ningures:
o meu caminho é o inesperado.
Navego como o peixe salvaxe por esta extensión,
no meu sangue hai lume e nos meus olhos faíscas.
Vou á procura da liberdade do vento
que dominan todos os ciganos.
Corro detrás dunha nube verde,
bebo cos meus olhos milleiros de imaxes,
vou aos confíns da viaxe.

Navego cara outro espazo
sacudíndome o polvo,
esquecendo o meu nome,
os nomes das prantas,
e a historia das árbores,
fuxindo deste sol que me golpea
con látegos de inquietude,
fuxindo de cidades durmidas durante séculos
baixo os pés da lúa,
deixando detrás de min olhos de cristal,
un ceo de pedra
e os albergues de Tamim e Mudar.

Non digas: torna cara o sol. Agora
pertenzo ao partido da chuvia.

4 de dezembro de 2014

Piticlín


Vivimos numha sociedade vírica. A palavra virus está de moda. Vídeo viral. Virus do ébola. O capitalismo é um virus social sem vacina. Podemos soubo ser virus.

Vivimos desbordados polos virus. Mensaxes de facebook, whatsaps, novas na web, sms, youtubes. Hai que posicionarse, hai que posicionarse. Hai que ser virais. Posicionamento en posicionamento até a fugacidade final.

Comezo a pensar que pra fuck the system hai que voltar ao taléfano de parede.

Ou nom.

7 de setembro de 2014

Catalunya 2014

Onte fun a unha charla do xuíz català Santi Vidal, convidado por Esquerra, e hoxe fun ver o ensaio da V que se fixo na vila onde vivo, a 4 días do 11 de Setembro de 2014. Catalunya é un país complexo socialmente e muitas por tanto as perspectivas que poden achegar claves ás dialécticas do Nordeste peninsular.

A min gústame observar que tipo de xente hai nos actos e de aí sacar conclusiós. Unha primeira: este proceso soberanista está protagonizado polas clases medias catalanistas, por iso que en nomenclatura marxista diríamos a pequeno burguesía. E iso neste país sonche muita xente. A columna vertebral da sociedade civil.

Esta xente deslígase da idea de "España" por unha cuestión cultural crucial: queren ser "europe@s", nunha idea un tanto idealizada (pequeno burguesa? ;) de Europa. E "as formas de facer" de España non son europeas. Catalunya, esta Catalunya central da clase media ilustrada e progre, quere ser Holanda, Dinamarca, Noruega, con deixe, iso sí, mediterráneo.

Agora ben, deito algunha conclusión máis, propia da minha clase social en Catalunya. Se este proxecto de soberanía quere ampliar base social ten que incrementar o discurso social, e isto implica "charneguizar" o soberanismo, isto é, incorporar ás clases populares de orixe non catalana ao proxecto, duramente castigadas pola crise, xunto á inmigración extracomunitaria, este último colectivo auténtico lumpen proletariado-precariado de Catalunya. E, obviamente, radicalizar o discurso rexenerador e cortar lazos coa grande burguesía cleptócrata que aflora á luz (Pujol Millet, ...). Se a pequena burguesía de masas en Catalunya se deisdealiza e adquire conciencia plena da necesidade de desposuirse da moral hipócrita da burguesía clásica, este proceso promete en termos de inflexión e cambio.

Tempos gloriosos para un politólogo!




22 de agosto de 2014

XXI



Hai uns días caín na conta das inxustas responsabilidades que se lhe están atribuíndo ao século XXI. Non deixa de ser un século coma outro calquera. Escuitamos cousas como "Que pase isto no século XXI!". A cuestión agrávase se matinamos que o século precedente foi, probabelmente, o máis devorador de vidas humanas da historia desa condición, a humana, a minha, a vosa.

A historia évos dialéctica, iso xa o expresaron Hegel e Marx no XIX, dous alemáns. Así que nada fai indicar que este marco referencial chamado S. XXI vaia ser tranquilote e pacífico. Eu respiro muita tensión, ogalhá me equivoque.

Kortatu versionaban aos Specials con aquilo de "Hai algo aquí que va mal". O mundo non vai ben. O capitalismo, nas súas diferentes versiós, segue o seu impulso tolo. Chinos, rusos, brasileiros, indios queren consumir coma nós. Non hai muito que lin o Manifesto Comunista con bastante profundidade. Hai unhas páxinas onde se describe o avance do capitalismo, onde se prevee a globalización, até con certo entusiasmo, en canto sistema cunha impresionante potencia pra derrubar sistemas anteriores.

Créovos que o ser humano só aprende dos erros cando os comete, coma un rapaz que proba a heroína aínda que sabe que é perigosa.

6 de maio de 2014

Viva república catalana!

No traxecto de tren que fago do lugar onde vivo ao trabalho en Barcelona, é habitual a actuación de esmolantes, normalmente musical, para recaudar unhas moedas. Un destes esmolantes, cando menos, é da velha escola; quero dicir, probablemente xa fose o que é antes da crise. Farrapento, moreno e delgado, xa dunha idade importante, ca pel da cara curtida pola pobreza. Non sabería precisar a súa orixe. Podería ser balcánico, ou búlgaro, húngaro, moldavo. Ou mesmo turco. É unha incógnita.

O sector das perfomances caritativas do comboio tamén é cruel e competitivo, e é fundamental a diferenciación e a orixinalidade, máis nestes tempos. O caso é que este hominho entranhábel suple a súa carencia de calidade musical e sofisticación cunha posta en escea chamativa: toca unha burda melodía cunha armónica, mentres caminha cun baile ben cómico e desancompasado que consiste en dar zapatazos contra o chan. Consegue superar a consuetudinaria indiferencia dos usuarios metropolitanos da Renfe, mesmo ainda que xa o tiveras visto máis veces.

Renovarse ou morrer, debeu pensar o velho, cando hai uns días me sorprendeu cunha curiosa innovación no seu consolidado número. Comezou coma sempre, coa súa melodía e o seu imperfecto claqué, mais de cada certo tempo paraba en seco a música e o baile e berraba: Viva República Catalana!

O acto é intrascendente, pro eu sonche bastante flipado, e non puiden deixar de percibir no feito unha potente carga simbólica, como o síntoma de algo, como a consolidación dun preludio. Gostaría de desentranhar que internos procesos de toma de decisións levaron a este cidadán sen nome a introducir tal extratexia de marketing na súa artística peza.


Cousas da vida 2.0, camarada Castelao.

31 de outubro de 2013

Post de mediodía

Venho de acudir, coma desempregado activo, a un talher sobre networking sostível e RSE e, em breve, cozinharei un caldinho con cimos e fabas que me deron da casa duns amig@s. The times están raretes. Oh, my god.

Por certo, ola Obama ke ase. Ola CNI. Espíasme o ke ase?

Deu,

B.