6 de maio de 2014

Viva república catalana!

No traxecto de tren que fago do lugar onde vivo ao trabalho en Barcelona, é habitual a actuación de esmolantes, normalmente musical, para recaudar unhas moedas. Un destes esmolantes, cando menos, é da velha escola; quero dicir, probablemente xa fose o que é antes da crise. Farrapento, moreno e delgado, xa dunha idade importante, ca pel da cara curtida pola pobreza. Non sabería precisar a súa orixe. Podería ser balcánico, ou búlgaro, húngaro, moldavo. Ou mesmo turco. É unha incógnita.

O sector das perfomances caritativas do comboio tamén é cruel e competitivo, e é fundamental a diferenciación e a orixinalidade, máis nestes tempos. O caso é que este hominho entranhábel suple a súa carencia de calidade musical e sofisticación cunha posta en escea chamativa: toca unha burda melodía cunha armónica, mentres caminha cun baile ben cómico e desancompasado que consiste en dar zapatazos contra o chan. Consegue superar a consuetudinaria indiferencia dos usuarios metropolitanos da Renfe, mesmo ainda que xa o tiveras visto máis veces.

Renovarse ou morrer, debeu pensar o velho, cando hai uns días me sorprendeu cunha curiosa innovación no seu consolidado número. Comezou coma sempre, coa súa melodía e o seu imperfecto claqué, mais de cada certo tempo paraba en seco a música e o baile e berraba: Viva República Catalana!

O acto é intrascendente, pro eu sonche bastante flipado, e non puiden deixar de percibir no feito unha potente carga simbólica, como o síntoma de algo, como a consolidación dun preludio. Gostaría de desentranhar que internos procesos de toma de decisións levaron a este cidadán sen nome a introducir tal extratexia de marketing na súa artística peza.


Cousas da vida 2.0, camarada Castelao.