11 de maio de 2012

Un misterioso asasinato nunha aldea de Viveiro

http://www.crtvg.es/informativos/dous-cans-matan-unha-vaca-en-viveiro-281869#.T62U11KWJKG


O pasado 28 de Marzo deste ano o informativo da TVG Galicia Noticias comezaba a súa edición cunha conmovedora nova: dous cans sen dono asasinaron, presuntamente (vivimos nun estado de dereito), a unha vaca e quedaron deitados xunto á víctima ata que un ser humano, a dona da vaca, apareceu, momento no cal os supostos criminais se deron á fuga. Os feitos son especialmente arrepiantes se temos en consideración que o móbil do asasinato non foi un natural interese gastronómico dos cans cara a vaca, cousa que pode entrar dentro da lóxica da cadea animal, pois tamén mesmo os humanos matamos animais pra nos alimentar. Non! Os cánidos mataron a vaca e non contentos con iso agardaron, nun acto de extremo ensañamento, xunto ao cadáver. Por sorte, unha outra vaca, ademais preñada, logrou safarse do ataque.

Un equipo de reporteir@s da nosa televisión nacional, a TVG, desprazouse ao lugar dos feitos, unha aldea de Viveiro sen precisar, e tomou declaración (nun sentido xornalístico, non policial) aos donos das vacas. Coma se pode ver na gravación a muller adoita unha posición descriptiva, relatando como atopou a vaca morta e os cans custodiándoa. Ao final atrévese a facer unha valoración emocional, normal por outra parte, afirmando que a vaca tivo que sofrer moito co atenuante de ser un acto a "sangre fría". A intervención do seu home resulta máis explicativa e mesmo diría que moi inquietante. En primeiro lugar, mostrando certa sabiduría previa, alude ao posible modus operandi dos suxeitos neste tipo de crimes. Pero o que resulta máis turbador e é un dato significativo que debería ter máis profundización, é o feito de que o home afirma que a vaca era unha vaca "violenta". Para min estamos ante un dato que pode cambiar o sentido do tráxico suceso. Porque que pasa se establecemos como hipótese de investigación que foi a vaca a que comezou as hostilidades ou mesmo que chegou a tal nivel de provocación que os cans responderon, iso sí, dun modo desproporcionado? Habería lugar a falar de defensa propia? Por que non remataron a vil faena ca outra vaca preñada, podendo seguramente facelo? Por qué unha sí e a outra non? Sen dúbida ábrense interrogantes que poñen enriba da mesa que ás veces as aparencias enganan e hai que chegar ao fondo dos asuntos. Mesmo poderíamos supoñer como remota hipópese unha trama urdida polo home, que non gostando do carácter violento e conflictivo da vaca, podería ter contratado aos cans pra axustar contas.

O caso é que o suceso é estrano, e aínda máis se consideramos que en ningún momento parece que os cans tiveran precedentes actos conflictivos no lugar, posto que ao menos un deles xa era coñecido na súa condición de can sen dono, can bravo, can vagabundo. Isto lévame tamén a reflexionar sobre cales foron as circunstancias que levaron aos cans á condición de animais lumpen vagantes e se tivo isto algo que ver no fatal desenlace, dalgunha maneira. Foi unha escolla persoal? Foi debido a un proceso de exclusión social, tendo en conta o carácter domesticable dos cans? Foi unha combinación das dúas? Pode levar a marxinación a cometer actos de tamaña crueldade? Eran cans con estigmas? Deixo estas preguntas no ar.

Sobre o tratamento informativo que fai a nosa televisión pública tamén caben unhas cantas consideracións. Non vou ser eu quen diga que un asasinato destas dramáticas características non sexa noticiable, pero na miña opinión faise un tratamento sensacionalista, buscando incidir nos aspectos máis emocionais e mórbidos, como amosarnos unha poza de sangue ou, o que me parece máis grave, ofrecendo un primeiro plano da vaca que se salvou, que abondo tivo co traumático acontecemento, co agravante de estar embarazada. Que o faga Pedro Piqueras en Tele5 pode valer, pero a unha canle pública podemos esixirlle un código profesional máis intenso.

Sexa como for, a vaca está tristemente morta e os cans teñen todas as papeletas e indicios para seren declarados culpables do asasinato. Os feitos están en coñecemento da policía e por tanto nestes momentos os cans son uns fuxitivos da lei. Sen sabelo exactamente e tendo en conta que os cans non se poden defender verbalmente das acusacións que se lles atribúen, a condena para estes casos é a pena de morte por inxección letal. Vamos, que o teñen fodido, a non ser que a policía profundice nas hipóteses que plantexo neste post, o cal podería suavizar o duro destino dos animais. Só me queda preguntarme se estes cans terán coñecemento da historia de Thelma e Louise.

http://es.wikipedia.org/wiki/Thelma_y_Louise#Argumento


Nenhum comentário:

Postar um comentário