31 de outubro de 2013

Post de mediodía

Venho de acudir, coma desempregado activo, a un talher sobre networking sostível e RSE e, em breve, cozinharei un caldinho con cimos e fabas que me deron da casa duns amig@s. The times están raretes. Oh, my god.

Por certo, ola Obama ke ase. Ola CNI. Espíasme o ke ase?

Deu,

B.

21 de outubro de 2013

Preocupación

Era Galeano o que popularizou o do "mundo ao revés", ou de como converter a opresión en oprimid@s. Un tenta sempre manter o espíritu crítico e non deixar de sorprenderse ca manipulación frustrante da realidade, algo que parece humano, demasiado humano.

Lonxe estou de crer que cada un ou unha d@s que queren independencia de Catalunya ou Euskal Herria son "hermanitas de la caridad" mais sí creo que @ que quere fundamentalmente esta xente é que estes territorios sexan países cando menos tan mediocres ou virtuosos como o é o estado espanhol.

Resulta que baixo o territorio espanhol actual a única democracia posible é a espanhola. Argumento: se Espanha é unha democracia, o que pretenda a súa destrución, a súa separación, non pode ser demócrata. Conclusión: un provável estado catalán ou basco serán dictaduras irrespiráveis. Hai xente que o cree!  e agárrase a censuras como a do toureiro sen olho do WordPressPhoto ou aos impedimentos para gravar series televisivas. E seguramente estes casos sexan revisáveis, pero seguen vendo a palha no olho alheo e non a viga no propio.

En muitos campos de futebol do estado requísanse "estelades" catalanas ou "estreleiras" galegas por considerarse subversivas. Na pasada Vuelta ciclista a Espanha, no seu paso pola Galiza, varias persoas foron retidas polas forzas da orde por levar estreleiras e facer unha pintada do tipo "Galiza é unha nación".

Por qué o nacionalismo espanhol é democrático e o vasco ou o catalán se queren vaciar desa condición? Pregunta simple e resposta simple: calquera proxecto nacional é democrático cando se fundamenta nunha vontade política colectiva e no respeito aos direitos humanos e aos valores democráticos. Fagamos entón a proba do algodón e se cadra a puntuación do nacionalismo espanhol non supera aos outros.

E o grande problema é que a imaxe distorsionada se vai alimentando até crear un mundo paralelo que se reproduce a sí mesmo.

18 de outubro de 2013

Alúmina Aluminio


Cando era un neno pre-adolescente (finais dos 80 e comezos dos 90) a etiqueta Made in Spain era recorrente na roupa que levabamos, nos alimentos, mesmo nos electrodomésticos e aparelhos electrónicos. Agora, é unha anécdota: China, Vietnam, Indonesia, BanglaDesh,...

Parece que a dinámica económica nos foi facendo meros consumidores de muitos produtos, mais non produtores, e paréceme a min que iso significa ir socavando os cimentos da sociedade até que se desmorone como un castelo no aire.

Por ser gráfico, tod@s queremos ser comunity manager, mais non vai haber empresas ás que posicionar. 

Hai uns días o presidente Feijóo, que se concibe a sí propio como o representante do estado espanhol na Galiza, dicía que calquera cidadán entende que unha familia non pode gastar máis do que ten,e que o mesmo se extrapola a nivel macro para o sector público. O que non nos argumenta este vendedor de fume, cada día con máis cara de camaleón, é que, como pode explicar un Paul Krugman, un agregado de centos de miles de familias con caída de ingresos, afectadas polo desemprego e a baixada salarial, o que producen é unha contracción económica brutal, e que se a iso lhe sumas a mesma actitude no poder político, a sequeira aínda se acentúa.

A cuestión é se o poder político está na obriga de facer política económica con maiúsculas, olvidarse dos teitos de défice, e voltar a un papel activador da economía.

Non deixa de ser curioso por outra parte cómo foi precisamente a faciana máis especuladora e financeira do capitalismo á que meteu a muita xente na lóxica imparável dos anos dourados, de vivir por "encima das posibilidades", de posuír o que non tocaba a costa dun endebedamento privado promovido pola banca e tolerado polo estado.

Certo é que o sector público ten que melhorar a súa xestión, crítica e autocrítica que debe abordar o progresismo e as esquerdas, mais se algo podemos aprender desta crise é que a política debe regular e controlar a economía, do mesmo xeito que a cidadanía e a sociedade civil deben controlar a política, e o equilibrio social depende de contrapesos axeitados.

Eu non atopo outro caminho que unha decidida aposta por unha actualizada mais contundente política socialdemócrata. Onde está escrito que o estado non pode volver a promover a producción industrial ou defender sectores estratéxicos? Mesmo a Constitución Espanhola contempla tales políticas.

Xa non escrevo máis, creo que se me entende por onde vou. 



12 de outubro de 2013

UPG 1964 PSG 1963

Primeiramente lede ou olhade isto.

Este post é un pouco provocador, cousa á que non acostumo, así que desculpen as molestias e os excesos de antemán.

Salsa rosa nacional-popular. A cousa évos divertida pero comeza a cheirar a naftalina ao mesmo tempo. Probablemente Beiras e Paco Rodriguez xa se caían mal antes de eu vir ao mundo (1979).

Sen dúbida son e serán xenios e figuras e hai que respetar a veteranía de quen contribuiu a proxectos forxados da nada. Mais opino que Beiras debería facer iso que leva anos e anos e anos dicindo que quere facer (tocar o piano e ilustrar con conferencias) e non fai porque lhe resulta tedioso e aburrido e ten adicción ás cámaras, aos focos e aos aplausos. E Paco Rodriguez, antes de dictar periódicas encíclicas para fustigar a impíos e desvíados do credo, debería adicarse unilateralmente a (seguramente xa o fai) impartir densas sesións de formación interna aos novos cadros do Partido.

Por favor, vento fresco e nova linguaxe desde a autoorganización.

Non saímos do arado.


4 de outubro de 2013

Recuperación

Hoxe, nunha copistería, un anuncio manuscrito dunha persoa (suponho que dunha mai) solicitaba cambiar os livros de texto do seu fill@ de 5º de primaria, xa caducos, polos de 6º do novo curso. Saín do establecimento un pouco emocionado, e ao pouco, un home pedía sentado nunha rúa cun letreiro que máis ou menos punha "Parado de la construcción. Pido una ayuda". Non era o que o imaxinario colectivo entendía até hai pouco coma un "pobre de pedir", é dicir, un excluído crónico acostumado a esa actividade. Seguramente este home até antes da crise levaba unha vida "normal". Esta tipoloxía de neoesmolantes proliferan polo centro de Compostela. Persoas absolutamente desposuídas pola crise que se vén obrigadas a pedir na rúa.

Onte un rapaz de 23 anos morría nun albergue de Sevilla con 30 kg de peso. E para colmo dos colmos sabemos do horroroso suceso de Lampedusa, centos de persoas mortas buscando a suposta melhor vida europea.

260 mil persoas estamos rexistradas como demandantes de emprego na Galiza. A cidade da Coruña enteira, excluíndo a contorna, para ser gráficos. Dos centos de miles de moz@s e non tan moz@s deste país que nunca deixaron de marchar melhor non falar, ou sí, porque eses nunca saen no trunfante Telexornal Mediodía da TVG. A nivel de estado somos 4 millóns 700 mil desempregad@s.

Eu non son amigo de grandes sentencias do tipo o capitalismo mata porque son o primeiro que se marabilha da incrível potencia de producción dese sistema económico. Basta olhar este portátil que estou tecleando. A cuestión é que o capitalismo non ten límites se non se lhe ponhen e a súa preocupación polos efeitos de exclusión social son igual a cero, agás que o conflicto social chegue ás portas das mansións dos barrios "bien".

Así que o que un podía agardar ante este panorama é que os mecanismos de protección social que temos (iso que se lhe chama estado de benestar) se visen fortalecidos para facer fronte a un exército de persoas sen trabalho, sen ingresos, pedindo polas rúas, sen posibilidade de mercar os livros d@s nen@s, e en casos extremos morrendo de inanición. E sen embargo o que parece é que eses mecanismos de protección se están erosionando, laminando, igualinho que as condicións de vida de muitas persoas onde a procesión vai por dentro, limando seres humanos e desgastando o contrato social.