25 de setembro de 2013

Malpensado

Voume meter un pouco en poleiro alheo: a proposta de Beiras de conformar cara as europeas unha fronte ampla a nivel estatal é obviamente lexítima, e terá, coma sempre, muitas e diversas interpretacións, pois cada un fala da misa coma lhe vai nela.

Eu quero ponher o acento en clave de táctica interna dentro do xogo político no nacionalismo galego post-Amio. Beiras e os seus saben que ANova e o BNG se sitúan no mesmo espazo ideolóxico e político, o soberanismo escorado na esquerda "real". As diferencias nese sentido son mínimas, se cadra estéticas. Beiras e os seus saben que que ANova consiga a fortaleza organizativa do BNG é sumamente difícil. Por iso se alían a Esquerda Unida, para marcar distancias e non resultar fagocitados a curto-medio prazo polo BNG. Beiras e os seus saben da potencialidade eleitoral do liderado do catedrático, xa contrastada nas galegas, xunto co ascenso eleitoral xeral de Esquerda Unida. En certo modo, a táctica é seguir facéndolhe a "puñeta" ao BNG pra nun futuro ter capacidade de negociación na correlación interna da esquerda nacionalista.

O que un menda lerenda non entende é coma desde posicións nidiamente galeguistas se pode xogar a botar abaixo o principio de autoorganización. Eu, persoalmente, non me distanciei do "mundo" BNG para sustituílo polo "mundo" Esquerda Unida. Ao BNG, e á UPG, haberá que reconhecerlhe o trabalho de décadas, tenaz e constante, de labrar un espacio sociopolítico para o nacionalismo, o que precisamente provocou a irrelevancia de Izquierda Unida na Galiza e que o sistema político galego non se homologase ao de Madrid ou ao de Murcia totalmente.

Distancieime do BNG, acho que pra sempre, porque considero que é necesario que o galeguismo político se diversifique política e ideoloxicamente e, nese plano, a minha tendencia persoal encándrase nun proxecto de centro-esquerda renovadora que ofreza unha alternativa de governo disposta á xestión pública e a vertebrar país e sociedade desde as institucións. Considero que isto é mui necesario para a transformación real do país dado o hostil contexto e que ese proxecto é o que defende Compromiso por Galicia. 


17 de setembro de 2013

Cerimonia de confusión

Estes días leo cousas sobre Catalunya. Un cortado nun bar e ter que ler El Mundo. Certamente é muito máis diver ler El Mundo que el País, inda que por momentos tenhas a impresión de que melhor é ir mirando como tramitar un permiso de residencia a Australia.

Dúas cousas vou por sobre a mesa sobre o espanholismo mediático.

A primeira é a baixa consideración que se desprende pola sociedade catalana, nomeadamente polos sectores catalanistas. A cidadanía do Noreste semelhan unha especie de autómatas dispost@s a seguir como ratos aos Hamelins Oriol Junqueras e Artur Mas (para Ansón directamente Arturo), que son uns trastornad@s mentais. @s que conhecemos Catalunya sabemos que un dos seus puntos destacáveis é a vitalidade e complexidade da súa sociedade civil, que fai que, por así dicilo, a media de cultura política e de esixencia cara o poder político sexa máis elevada ca noutros territorios, desde logo que na Galiza...xa me gustaría!!!, e non só en termos de cuestión nacional.

A segunda é esa curiosa mensaxe de que o nivel de politización dos medios públicos e privados de comunicación crea un clima abafante antiespanhol, pro-soberanista. O primeiro que se me vén a cabeza é pensar na "ulcerante" TVG e en TeleMadrid. Máis niso poden ter un pouco de razón, especialmente desde a volta de CiU ao poder.. Tamén tenho que dicir que en termos xerais envexo a calidade, a programación e a factura dos medios de comunicación públicos de Catalunya. Mais hai unha segunda parte: calquera cidadán catalán en calquera punto de Catalunya pode mercar exactamente os mesmos xornais e pode ver as mesmas canles de TDT que en Madrid...é dicir, a oferta mediática en Catalunya é muito máis rica, dobremente rica e plural. De momento non hai Mossos d'Esquadra nas portas dos quioscos, inda que seguro que ha haber algún tertuliano da caverna que diga que xa chegará o momento.

Nada, por facer un pouco de contrapeso. 

5 de setembro de 2013

O futuro do galego


Dos meus anos en Catalunya aprendín muitas cousas, e de variada índole, considerando que en todo lugar se aprende algo novidoso ou curioso.

Unha das cousas que aprendín é que o futuro dunha lingua minorizada se xoga fundamentalmente no ámbito da economía. O catalán é unha das poucas linguas minorizadas e sen estado do mundo que ten posibilidades de supervivencia, entre outros aspectos porque é unha lingua con valor nas relacións económicas. E iso nunha comunidade lingüística que abrangue un territorio que pode andar polos 13 ou 14 millóns de habitantes, incluíndo Catalunya, País Valencià, as illas Balears e territorios colindantes.

O futuro do galego non se xoga na publicación de livros de poesía ou novela, algo dignísimo e meritorio. Xógase na economía e hai que ir direto ao grao: formamos parte dunha comunidade lingüística de 250 millóns de persoas.

Como dicía Carvalho Calero, o galego ou é galego-portugués ou é galego-castelán. E cada vez é máis castelán e menos portugués. É o tabreiro de xadrez o que manda.

E agora marcho que tenho que marchar.

Obrigado.