19 de outubro de 2012

O 21 de Outubro

Vivo a política ata puntos de obsesión. Non é casualidade que teña un título que pon que son licenciado en "Ciencias" Políticas. O Domingo son as elecións do meu país. De Galiza. Facía tempo que non me implicaba tanto cunha formación política e de feito nunca tanto me impliquei. Con Compromiso x Galicia.

A esta formación votarei por vez primeira porque por vez primeira se presenta. Nela estou afiliado e fixen campaña activa.

Non me gusta a Galiza que debuxa o PP. Unha Galiza submisa a Madrid, limitada nas súas posibilidades creativas, unha Galiza que confunde a barra libre ca modernidade. Agora ben, e atentos ao que vou escrever, non considero malos galeg@s aos centos de miles de persoas que o Domingo lle van votar ao PPdG. E habería que preguntarlles porque o van facer. As esquerdas galegas a cotío nos olvidamos de que elas son tan povo galego coma nós. Cústame crer que o Domingo centos de milleiros de persoas van ir coma zombis depositar un papel nunha furna coas siglas do PP. Estou un pouco farto de vivir nunha burbulla.

Seica parece que nestas elecións vou quedar instalado nun remanso sen que me leve a corrente social. Agora hai euforia con Beiras. Non acredito en Beiras coma figura política. Non o vexo e non o vexo. Hai días fixen a brincadeira de que non o vía nin de presidente dunha comunidade de veciños. Vexo demasiadas contradicións na súa figura. E tamén o digo, estou farto dunha esquerda que constrúe un relato teórico por veces romántico e se estrela nos fangos da realidade material. E eu son de esquerdas, aí me sitúo, mais estou farto dela, da súa impostura. Tampouco creo en Esquerda Unida. Pra crer en Esquerda Unida quédome co BNG, que cando menos ten os pés chantados no país. E Esquerda Unida é o gran beneficiado da marea beirista. E sen ser un vidente, non sei porque me dá que o entedemento Beiras-EU non vai ser un camiño de rosas. A ver quen rompe primeiro. Mais non son un vidente.

O BNG. Os meus respetos polo BNG. Discrepo coa súa formulación ideolóxica e política nestes momentos, penso que teñen dificultades pra interpretar a Galiza actual, e discrepo con algúns métodos de actuación social, mais paréceme loable como o BNG construiu un espazo social e político con muita marexada en contra. E no BNG hai muitas mulleres e homes de a pé que aprecian este país desde o progresismo.

Compromiso x Galicia. ¿Por que? Esta árbore aínda pequena e verdecente. Creo que este país necesita unha forza política propia, nacional, de centro-esquerda, progresista e renovadora, sen dogmatismos e aberta, que ofreza o que a esquerda sempre ofrece á hora da verdade, un programa socialdemócrata, sen ter medo a recoñecer que a iniciativa privada, a economia de mercado, ten un papel na sociedade, mais que debe ser controlado porque, perdoade a expresión, ao capitalismo especulador "vaiselle a olla". Son progresista, aberto, con pensamento crítico, mais o de derrubar o sistema quédalle moi grande ao meu carácter sosegado.

Probablemente nestes tempos vende o show e o aspavento, e o insulto e a descalificación, e entramos en sicoloxías de masas, en lóxicas tensións sociais, en fallas e corrementos de terras. Mais un proxecto político debe ser algo máis que gaseosa sen xeito.

E agora vou dicir algo moi politicamente incorrecto, mais a cidadanía estamos dándolle a elixir entre o conservadurismo submiso e neoliberal do PPdG e unha alternativa dificilmente xestionable.

Compromiso x Galicia é unha forza galega, progresista, disposta a gobernar. Disposta a mollarse e gobernar. Non ser permanente oposición.

O camiño é longo e tortuoso e as obras colectivas imperfectas, mais coma dicían Manoel-Antonio e Álvaro Cebreiro, "en cada relanzo do camiño hai unha voz que nos berra: máis alá!"