7 de dezembro de 2011

Zigmunt Baugman

É terrible pensar que sen unha conexión a internet non somos nada.

Saír de Matrix

Onte no water cavilei que os pantalóns que levaba postos son capitalismo. Que os calcetíns que levaba postos son capitalismo. Que as zapatillas deportivas que levaba postas son capitalismo. Que os gallumbos que levaba postos son capitalismo. Que a camisola que levaba posta é capitalismo. Que a chaqueta tamén é capitalismo. O señor Roca tamén é capitalismo.

Conclusión: hai que pensarse muito o de ser anti-sistema. Andar espido é complicado...

Quizais estemos no momento. Nova arroutada benególoga con pousos de manifesto vangardista

"Porque en cada relanzo do camiño hai unha voz que nos berra: Máis Alá!"

Manoel-Antonio. Manifesto Máis Alá, 1922 (penso)


Nos anos 60 do pasado século unha nova xeración ( e nalgúns casos non tan nova) de nacionalistas galeg@s decidiu saír do guión establecido e crear novas organizacións políticas: a UPG fundamentalmente, e tamén o PSG. Nun contexto de dictadura franquista, estas xentes, estas organizacións, en sintonía coa loita contra o réxime, aproximáronse ás análises marxistas, e forxaron o nacionalismo político realmente existente, que se sitúa en coordenadas de esquerdas, en sentido amplo. En 1982 existe unha primeira confluencia destas forzas e colectivos e créase o Bloque Nacionalista Galego, pra saír dunha situación de marxinalidade política trala transición. Na formación desta fronte a organización máis forte, a UPG, un partido comunista, era a columna vertebral que aportaba solidez á iniciativa. O invento era un pouco deles. De 1982 a 1997 o BNG vive un ciclo de expansión electoral e social impresionante. De 54mil votos e 1 deputado no Parlamento Galego en 1985 a 395mil votos e 18 deputad@s en 1997, o seu teito electoral ata o momento. A partir deste ano, o BNG comeza un lento pero progresivo devalar electoral que se certifica elección tras elección. No ano 2005, o PP perde a maioría absoluta no Parlamento Galego por un só escano e iso permite a PSOE e BNG sumar pra formar un goberno bipartito que acaba catro anos despois por non conseguir parar unha nova maioría absoluta dun PP renovado con Alberte Nuñez Feijoó.
                                                      
Nesta tesitura, a UPG decide abertamente tomar cartas no asunto pra redirixir o BNG a través da plataforma Alternativa pola Unidade. A idea é encetar unha estratexia integrada de mobilización social en varios frontes que entronca ca cultura política inicial deste partido, de tradición leninista, onde esta organización vai colocando persoas clave nos centros de decisión doutras organizacións satélite, no ámbito sindical, cultural, mediático, lingüístico, agrario, ecolóxico, estudantil, mocidade, ...

Unha estratexia sincera, porque eu son dos que pensa que en liñas xerais a UPG é unha organización de xente moi comprometida que ten fe no que fai, pero na miña opinión é unha estratexia obsoleta, tanto pola metodoloxía organizativa como polo discurso ideolóxico empregado. As esquerdas sociais están pedindo a berros formas máis horizontais de actuar, a interacción mediante redes sociais heteroxéneas, a presión sobre as organizacións políticas para que abran ás súas lóxicas internas á realidade social, e tamén que demostren capacidade para a xestión eficaz dos asuntos públicos. Habería moito máis que dicir ao respecto.

Teño a sensación de que quizais estemos no momento en que unha nova xeración (e nalgúns casos non tan nova) de nacionalistas galeg@s se saia do guión marcado do ciclo encetado nos anos 60 e levante sen complexos novos referentes políticos, ideolóxicos, culturais en definitiva que respondan á dialéctica destes tempos de principio de século XXI, tempos incertos, críticos e de cambio cultural. De feito xa se dan indicios para pensar que un novo ciclo se está abrindo no nacionalismo galego.

O contexto do nacionalismo é moi diferente naqueles anos 60 que agora. Daquela @s nacionalistas galeg@s contábanse por centos e agora cóntanse por decenas de miles. Por tanto esta sensación de que unha nova cultura política está emerxendo e superando a anterior ten riscos de converter o nacionalismo galego nunha guerra civil onde poidera ser que este emerxer non frutificara ou fora unha ilusión idealista. Pode ser. En todo caso tamén hai que recoñecer o esforzo entregado de moitas persoas de todas as tendencias ao longo destas décadas para forxar algo moi difícil, e é que o nacionalismo galego de esquerdas teña un significado espazo social, político e electoral.

Pero persoalmente sinto a necesidade de superar un discurso percibido como caduco e autista, e creo que coma min moita moita xente, e de expresar sen complexos a necesidade de cambio e dicir as cousas como se pensan sen que certa xente se permita a licenza de cuestionar o teu compromiso nacional ou de esquerdas.

Son consciente que a UPG tampouco é unha organización monolítica e que certos sectores dela están en conexión con estas ideas e cos novos tempos. Percíbese isto nalgúns militantes ou achegad@s que en liñas xerais baixan dos 40 anos.

O futuro é noso, a nación pervive a través das súas xentes. Persoalmente, como sinxelo cidadán galeguista e progresista, fago un chamamento a toda a xente que se sinta reclamada por este artigo a activarse pra aportar o seu gran de area sen complexos de ningún tipo para conseguir un país máis soberano e con benestar e xustiza social.

21 de novembro de 2011

Desbarre post-eleitoral sobre o BNG

Estas eleccións estatais do 20-N poñen enriba da mesa a existencia de tres espazos políticos e electorais diferenciados que operan cada un deles con lóxicas autónomas: Catalunya, Euskal Herria (as 3 provincias vascas máis Nafarroa) e o resto do estado. Isto que denomino “resto do estado” ben podería ser chamado “zona de influencia de Madrid” e caracterízase por un bipartidismo con matices no cal debido á particular situación económica e o devir político se produce un afundimento do PSOE e unha vitoria clara do PP mantendo fiel o seu electorado coa incorporación dalgúns centos de miles de votos máis, probablemente do propio PSOE.
Na “zona de influencia de Madrid” podemos detectar sub- espazos onde a lóxica estatal sofre algunhas modificacións: Galicia, Canarias, e o resto de “países cataláns” (País Valencià e Illes Balears).
En Galicia, territorio periférico con idioma propio e consideración constitucional de nacionalidade histórica, é o BNG quen abre unha fenda na dialéctica política de “Madrid”. Unha forza política nacionalista de esquerdas que contou agora aproximadamente cun 11% do voto emitido pero que chegou a contar a finais dos 90 cun 25%. Neste país o PP obtén unha moi sólida maioría, superando o 50% e mesmo aumentando votos. Débese ter en conta que o candidato do PP, Mariano Rajoy, é de orixe galega. E prodúcese, como en todo o estado, unha drástica baixada do PSOE, que perde 300000 apoios e conta cun 27% dos sufraxios. PP e PSOE suman en Galicia un 80% dos votos.
O BNG demostra nestas eleccións que o espazo político que ocupa ten unha base sólida e traballada e que é moi difícil borrala do mapa. Afortunadamente Galicia volve a contar con dous representantes no Parlamento do estado que non entran na lóxica política de “Madrid”. Pero tamén é obvio afirmar que o BNG presenta síntomas de esgotamento do seu proxecto político en termos de avance social. Segue perdendo apoios populares (30000 con respecto a 2008) nun contexto onde se podía considerar a posibilidade de atraer a unha parte do electorado que en 2008 apoiou ao PSOE e que nestas eleccións parece que optou por Esquerda Unida, a abstención, o voto branco e nulo e outras forzas como Equo e PACMA (animalistas). De feito unha parte pequena do electorado do BNG en 2008 parece que opta tamén por estes camiños alternativos. Por tanto pódese afirmar sen temor á ser inexacto que o BNG como proxecto político non ilusiona o que ilusionaba ou o que debera ilusionar, porque é obxectivo que o BNG tiña un potencial de mellora na atracción do descontento social progresista contra as políticas do PSOE.
Na miña opinión hai dous factores clave neste estancamento do nacionalismo galego de esquerdas:
1) dunha banda na dificultade de actualización do proxecto político en termos dun discurso ideolóxico adecuado á dialéctica da sociedade actual, incluíndo sectores moi dinámicos e progresistas. E non se trata de facer renuncias senón de renovar e adaptar conceptos sen medo.
2) Doutra banda as dificultades do BNG de facer chegar a súa mensaxe nun contexto mediático galego que vive de costas ao galeguismo político e nun abafante sistema de medios de “Madrid” vía TDT fundamentalmente.
Por tanto unha diagnose máis actualizada e menos lineal da sociedade galega actual (e do seu contexto peninsular, europeu e mundial) que permita ofrecer unha mensaxe anovada, e o esforzo colectivo, prioritario e decidido por crear e apoiar medios de comunicación con óptica galeguista e progresista paréceme que son os retos inmediatos do nacionalismo galego.
Con estratexias resistencialistas só se obterán resultados resistencialistas. Con todo o loable que é o traballo de muita xente nacionalista por forxar a pé de rúa durante varias décadas un espazo político e social contra vento e marea, entendo que hai que engadir doses de valentía e de risco porque como dixen era esperable que o BNG apostase por atraer apoios obxectivamente potenciais.
Probablemente a próxima asemblea nacional do BNG en Xaneiro do 2012 sexa a referencia simbólica onde se confrontará o debate ideolóxico e político do que falaba en primeiro lugar. Na miña opinión conviría por facer un chamamento ao conxunto do galeguismo social e político das esquerdas por abrir un proceso de opinión e de aglutinación de todas as forzas, individuais e colectivas.
O segundo reto, o da batalla mediática, é unha fronte de guerra sumamente complicada e non hai máis que ver o acontecido nos últimos tempos, axudado por un goberno galego interesado en asfixiar a disidencia mediática e galeguista. Agora agroman novas ou non tan novas iniciativas coma Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Tempos Dixital ou Praza Pública. Creo que a tarefa fundamental é convencer e “machacar” á propia base galeguista e de esquerdas de que hai que consumir e apostar por estes medios, poñendo toda a carne no asador neste sentido, se non queremos levar máis disgustos.
E máis nada.E onde dixen digo digo Diego. A min que me rexistren.

12 de novembro de 2011

A cultura

Todo é cultura, todo, dende a descuberta do lume até o Íbex 35, pasando por TODO.

11 de novembro de 2011

A jlobalisasión

A miña memoria gardou con intensidade este intre que vos vou comentar. Alá polo ano 2005 cara Xullo fun cos colegas da Pontenova, a miña vila, que linda con Asturias, ao festival da Carballeira de Zas, alá preto da Costa da Morte. Xa entrada á noite e coa debida carga etílica, comecei interactuar coa xente do lugar. Falando cuns rapaces do mesmo Zas comenteilles de onde viñamos nós, ao que un deles me contestou, con sorpresa e sorniña á vez: "Ostia, ¡de tan lonxe vides! ¡Esto sonche cousas da jlobalisasión! O detalle pareceume un chispazo xenial e así o conserva a miña mente.

Todo esto vén a conto da miña leitura de hai uns días do documento "Alternativa pola Unidade no e co BNG" , datado en Xullo do 2011, que atopei na páxina web www.alternativapolaunidade.info. Como sabedes, esta é unha corrente do BNG promovida pola Unión do Povo Galego (UPG). Como sempre, da UPG pódense dicir muitas cousas, pero non que non é unha organización seria. E o texto en cuestión, curtiño, é un texto serio. Facendo un resumo moi simplificador, o texto vén a dicir que a única alternativa que en Galicia existe á globalización é o nacionalismo galego organizado, neste tempo histórico. E por así dicilo, fai unha emenda á totalidade á iso que chamamos globalización.

Isto faime pensar cousas que xa pensaba e que agora tratarei de plasmar aquí. Na miña opinión o proceso de globalización non é un proceso unidireccional, unidimensional ou lineal. É un proceso de cambio que plantexa forzas contradictorias e un futuro imprevisible. Unha desas forzas é sen dúbida a expansión global do capitalismo occidental, co seu proxecto político, económico, e ao cabo a súa uniformización cultural. Porque todo todo ao final é cultura. Pero tamén creo que a globalización está abrindo ventás e dinámicas distintas que non sabemos moi ben onde van acabar.

Unha destas dinámicas é o que está a pasar co tema da información e da comunicación, en relación á universalización de novas tecnoloxías que están en continuo desenvolvemento. O concepto do control da información por parte do poder económico e político estase vendo socavado. Quizais o exemplo, coma outros muitos milleiros posibles, de Wikileaks, é unha mostra. Por outro lado está a velocidade coa que se comunica esa información. Certamente bestial. Probablemente o Terra e Tempo, a publicación histórica da UPG, nunca contou cunha capacidade de difusión e unha "audiencia" coma a que conta agora, grazas a estes mecanismos tecnolóxicos.Este feito pode producir un cambio cultural sen precedentes cuxo resultado, repito, me parece incerto.

Outra das dinámicas sobre as que me gustaría poñer o acento é sobre a circunstancia, que non me parece casual, de que sexa no actual marco da globalización que Occidente pareza comezar o seu devalar e surxan ou resurxan novos países, novas potencias chamadas emerxentes, no tabreiro internacional, coma China, a India, Brasil, Rusia, etc... esto parece contravir a visión dunha globalización unidireccional e por outro lado plantea, polo menos esta é a miña opinión (especialmente polo que respecta a China e a Rusia), interrogantes sobre un posible retroceso nas conquistas democráticas. Perdoade que volo diga, pero sin ser un entusiasta dos sistemas políticos occidentais e da súa hipocresía cara o resto do planeta, de China e Rusia non espero gran cousa ao respecto.

Ben. Por hoxe xa chega de amolar. Pra pensar un chisquiño e onde dixen digo digo Diego.

"Sonche cousas da jlobalisasión"

7 de novembro de 2011

A antiga Grecia

Crise é cambio, Álex de la Iglesia dixit. Agora que @s greg@s están no “candelabro”. Todo cambio comporta en certa medida una crise. Na miña opinión, ca que se está cocendo, non é tempo de grandes relatos. Xa viran se teñen que vir. É tempo de desmontar as casas e voltar a construílas. É tempo de facer e sorprenderse. Eu que sei. Sempre temos as preguntas pero non temos as respostas. E nada máis. De momento.

4 de novembro de 2011

Declaración de intencións

Eses abre fáciles difíciles de abrir, que acabas collendo un coitelo e escachando todo o envase
E punto

Comezar

Ben. Algún día tiña que ser e é agora. Hoxe comezo este blog a modo de caixón desastre onde verter espontaneidades e reflexións da miña subxectividade, sempre un pouco veleta, sempre un pouco cambiante. Hai un chiste que me parece toda unha bomba filosófica que di: Era un home tan pequeno tan pequeno tan pequeno que non lle cabía a menor dúbida. Eu son unha persoa máis instalada na dúbida que na certeza. Intento estar aberto ao mundo e á vida cos menores prexuízos posibles. Pero evidentemente son humano, demasiado humano... que vos preste este blog a quen lle cadre dar con él. Un saúdo, Breo,