24 de janeiro de 2012

Catalunya para galeg@s con poucos prexuízos (porque ningún é imposible)

Complexidade. Catalunya é marabillosamente complexa. Complexa no social, no cultural, no lingüístico, na orixe das súas xentes. Unha vez lin que aproximadamente a metade dos cataláns (persoas que residen en Catalunya) non naceron en territorio catalán. En Catalunya aprendín que ser catalán tamén é ser andaluz, rifeño, marroquí, extremeño, paquistanés, mallorquín, ecuatoriano, aragonés, ucraniano, e un longo etc... e por suposto galego tamén. Por iso e por regra xeral, por termo medio, e contra do que se di, os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen certas e obxectivas contradiccións.

Autogoberno. Se a xente da Iberia entendera que este concepto é a chave das noces para entender aos cataláns non habería tanta catalanofobia. Disque os cataláns piden e piden e non teñen fondo no seu insaciable egoísmo. Pero a maioría social do país catalán o que quere é basicamente máis autogoberno. Uns chámanlle independencia, outros transición nacional, outros federalismo. Pero ao cabo non piden máis que poder dispor do que eles producen, poder xestionar os seus recursos pra poder ser un país. Eis a clave.

Poder burgués. Non nos enganemos. Se Catalunya ten peso político é porque ten peso económico, poder industrial e estratexia económica de seu. Porque unha parte, que non toda, da elite económica do país se identificou ca reivindicación nacional, historicamente até os nosos días. Isto determina a capacidade mediática e institucional e a transversalidade do catalanismo. Xunto a unha sociedade civil moi dinámica en todos os ámbitos, e cando digo todos digo todos (deportivo, social, cultural, etc, etc,...)

Lingua. A vontade dos cataláns de manter viva unha lingua non global coma é o catalán é heroica, envexable e das cousas máis emotivas da sociedade catalana. E cun modelo, permítaseme a redundancia, modélico. Porque é unha soberana mentira que á xente se lle impoña o idioma catalán. Sinxelamente é unha lingua con valor na sociedade. Ou o tomas ou o deixas. En 7 anos non tiven ningún mal detalle pola miña condición de "nou català" e nin tan sequera ningún impedimento laboral polo meu catalán autodidacta e tirando a perralleiro.

Non hai arcadias felices e tampouco cómpre idealizar Catalunya e a súa sociedade complexa. Como hai luces tamén hai sombras. Pero Catalunya, probablemente pola súa ubicación e o seu carácter cultural ten ese punto de modernidade e progreso que tira da Iberia. Eu xa teño algo de catalán no meu sustrato persoal, ao que non penso renunciar e por iso sempre mirarei a Catalunya coma referencia. Permitídeme a cursilería, pero Visca Catalunya lliure!  

Manifesto praxeolóxico

Ás veces a xente, algunha xente, adoita a dicir aquelo de que as árbores nos impiden ver o bosque. Sen embargo ás veces, tamén, eu penso que é o bosque o que nos impide ver que hai árbores, e cales son. Que cada quen entenda o que queira. ¿?

16 de janeiro de 2012

He dicho que no

Nacín no 1979 e funme da Galicia á que agora volto en Setembro de 2004. Polo tanto medrei e fíxenme "grande" con Fraga coma presidente do meu país. Non teño unha visión positiva deste home ou dito doutro xeito, teño unha visión negativa. Era unha persoa conservadora, reaccionaria e autoritaria. Non me fío dunha persoa que di que ten o estado na cabeza. Lagarto, lagarto. Moi flipao. Xa sei e non lle quito o mérito de saber ver que os tempos estaban cambiando e que era renovarse ou morrer pra "derechona" española. Era un animal político capaz de xuntarse con Carrillo, con Fidel Castro ou con Beiras de "cenita". En Galicia, desde que recalou, fixo unha xestión e unha política cando menos criticable. Exprimiu ao máximo o clientelismo, un sistema de asignación de recursos que bloquea un país máis que facelo avanzar. Clientelismo, nepotismo, compra de vontades, inauguracións, gaitas, queimadas, romerías, golpes na mesa, carreto de votos, populismo, fixemos tantos ambulatorios, dámoslle empanada aos vellos. Demasiada realpolitik. E control lastimante dos medios de comunicación públicos. Recordo no ano 2001 a frustración persoal que sentín cando o PP voltou a gañar con maioría absoluta e Fraga coma candidato. E despois no 2005, con Prestige incluído, jamacucos e decrepitude, perdeu a maioría absoluta polos peliños do cú. Está claro que conectou cunha parte importante do pobo galego. Ese pobo co que agora Feijoó rentabilizará o que poida a morte do vello. Xa se porá TeleFeijoó en marcha pra iso.
Non vos sei meus amigos se alegrarme ou entristecerme ou non sentir nada do falecemento de Fraga. Desde logo non vou dar chimpos de ledicia. O que sí sei é que pra @s galeg@s este feito é importante porque estamos a falar dun símbolo que forma parte do noso imaxinario colectivo e que nos persegue alá a onde imos. Sexamos detractores ou admiradores. Persoalmente espero que a desaparición física de Fraga faga sacar á luz toda a realidade do personaxe, sen prexuízos, e tamén signifique un pasar páxina na historia dun país. Máis sombras que luces as deste home. Mal rollito.