8 de maio de 2012

Safari mental

Chove. Cada pouco miro pola ventá pra ver como chove, cunha certa sensación de prisión, de impotencia, de limitación. Non podo ir correr e éntrame o delirium tremens. Estou facendo un cocido. Gústame o olor dos ingredientes mentres cociño, especialmente o olor dos cañotos dos grelos. Teño a radio acesa, Radio 5, que me recorda que aí fóra o capitalismo segue na súa montaña rusa, nas súas cíclicas crises...
Sobre a mesa teño un libro recentemente saído e mercado na Feira do Libro de Compostela: "¡Acabad ya con esta crisis!", de Paul Krugman, que parece ser o Keynes do noso tempo, pero de momento non lle fan caso. A pota fai glú glú glú mentres escribo isto.
Chove. Estou aquí. Parado. Krugman di que a miña é unha situación estructural. Un drama humano e social. Desaproveitado. A chuvia tamén é unha situación estructural. Leva un mes e medio chovendo.
Glú glú glú glú. Chop chop chop. Xa teño os greliños escollidos e limpos, a carne e os garbanzos cocendo e as patacas en posición de saída.
Mentres podía mirar o facebook, o correo e trangalladas varias, pero comezo a pensar que o facebook sobre todo é unha espiral, un abismo no que entras e te atrapa e mesmo te atonta. Hai que dicirlle que non ás veces.
Miro a ventá. Chove, barruza, orballa. Facendo un cocido quedas moi ben pero é realmente aburrido. Realmente fácil. Iso sí, só tiven o erro de non acordarme de poñer a remollo os garbanzos.
Francia, Grecia, China, O Novo Proxecto Común, Mourinho, a chuvia, e este jicho posible presidente da SGAE!

www.youtube.com/watch?v=1rRCehu79-A

Glú glú glú. Chop chop chop.

Safari mental...


Nenhum comentário:

Postar um comentário