26 de novembro de 2012

A minha leitura das elecións catalanas

Catalunya é fascinantemente complexa e estas elecións do 25-N volven a plasmar a riqueza política (derivada da complexidade social) do país do noreste peninsular. Vaia por diante que son un catalanófilo, estimo esa terra e esas xentes diversas e por tanto peco de paixón.

Resúltame fascinante desde un punto de vista politolóxico a forma en que as forzas políticas en Catalunya, tanto as asentadas coma as que emerxen, plasman tan nítidamente os intereses e sensibilidades dos diversos estratos da sociedade catalana, de tal maneira que case poderíamos facer unha deconstrución da mesma ao estilo Ferrán Adrià, en base aos dous eixos que son autónomos e que tan perfilados e matizados están no sistema político e social, cos seus debidos vasos comunicantes. Dunha banda o eixo nacional, catalanismo/soberanismo versus españolismo, doutra banda o eixo social esquerda/clases populares vs dereita comandada pola alta burguesía. E con estes eixos podemos ir colocando a cadaquén no tabreiro coma se dun puzzle se tratase, puzzle imperfecto e poliédrico obviamente. CiU no centro-dereita nacionalista, PSC no centro-esquerda semicatalanista/semiespañolista, ERC no centro-esquerda soberanista, o PP no centro-dereita españolista, ICV na esquerda catalanista matizada, Ciutadans nunha especie de remexido outsider de españolismo centrista, as CUP na esquerda radical independentista, PxC a ultradereita conservadora, Solidaritat independentismo centrista.

Ben, despois disto vou tentar dar as minhas claves das elecións partindo da premisa de que inda sendo certo que o eixo nacional era o preponderante mediaticamente nestas elecións, en Catalunya, o eixo social, máxime nesta situación de crise económica, nunca pode deixarse de lado.

Eixo nacional. Seica en Madrid se congratulan de que o soberanismo fracasase. O que fracasou, con matices, foi a estratexia de CIU de capitalizar o proceso social soberanista obtendo esa maioría "excepcional". Ainda así, convén dicir que a CIU máis radicalizada e soberanista, desgastada pola brutal adopción de medidas anti-sociais de visión neoliberal, obtivo 1 millón cen mil votos, máis do dobre co segundo partido. Mais vaiamos aos números...as forzas políticas que levaban o dereito a decidir no seu programa eleitoral, nunhas elecións moi centradas neste aspecto, suman máis de 2 millóns 100 mil votos (CIU+ERC+ICV+CUP+SI) fronte aos  800 mil votos pasados que suman as forzas contrarias ao dereito a decidir por presupor que Catalunya é parte da nación española (PP+ C'S+ suponho Plataforma x Catalunya). Entre medias sitúanse os 525 mil votos dun PSC federalista que acepta o dereito a decidir dentro dunha consulta legal. Con estes datos na man na minha opinión sería unha FRAUDE DEMOCRÁTICA tirar atrás un proceso nacional cando menos de consulta á cidadanía. Ou valen máis os votos españolistas que os favorábeis á autodeterminación? Que clase de fracaso é este do soberanismo?

Dito isto, gustaríame facer unha reflexión que acho tamén debería facer con serenidade o conxunto do catalanismo político. O proceso social e político hexemónico soberanista que leva xa anos movéndose en Catalunya está creando un contra-proceso españolista de sectores non hexemónicos mais significativos da sociedade catalana, especialemente na area metropolitana de Barcelona, que é onde está o meollo demográfico do país. Falamos claramente das clases populares de orixe español (en xeral), xa non só d@s pioneir@s senón de segundas ou mesmo terceiras xeracións moi refractarias á transversalidade catalanista.  Non tenho dados comparados (non os miro por preguiza) mais estou certo que o españolismo explícito (PP + C,S) logra nestas elecións o melhor resultado da historia da actual autonomía catalana. Paradóxico mais aí está a cousa. Nestes estratos da sociedade catalana xoga un papel fundamental en termos de coesión social e nacional o PSC, que sempre actuou coma espazo de interacción entre esta poboación de orixe español e Catalunya coma feito diferencial, desde unha óptica progresista. O PSC retrocedeu muito nestas elecións mais o PSC éche muito PSC e ben faría o catalanismo político en considerar que o seu espazo na política catalana é central para a coesión social e nacional de Catalunya. Estou certo que ese papel vaino seguir xogando e nese sentido creo que a mensaxe de centro-esquerda federalista que deron artella unha sensibilidade mui significativa fagocitada pola polarización que provoca a crise económica e o conflito nacional.

O eixo social é o que probábelmente frustrou o plan Mas, que non o proceso soberanista ou de avance nacional. Os avances de ERC, ICV e as CUP son un toque de atención á alta buguesía catalanista ( e ollo que en Catalunya tamén hai alta burguesía españolista) de que muita xente na avanzada Catalunya quere compaxinar o avance nacional co social, cando non priorizar este último eixo. Tamén habería que analizar máis en detalle se ERC capitalizou o voto independentista por consideralo algúns sectores máis auténtico, e ata que punto desgastou a CIU e a Mas a campaña de El Mundo.

Nada mais polo momento, a ver se este pobre disparo ao aire vos suxire algo e non vos cae o casquillo na cabeza.

Ah, só unha cousa. Se chegastes aquí só dicirvos: a información, cantos menos intermediarios tenha, melhor. E menos se @s intermediari@s están na capital do estado. Hoxe as novas tecnoloxías permiten acceder aos medios de Catalunya con facilidade e non vos preocupedes, alí hai para todos os gustos. A senyera catalana en realidade debería ser de colorines, coma é o propio país real. 

Resultados aquí   



Nenhum comentário:

Postar um comentário