7 de dezembro de 2011

Zigmunt Baugman

É terrible pensar que sen unha conexión a internet non somos nada.

Saír de Matrix

Onte no water cavilei que os pantalóns que levaba postos son capitalismo. Que os calcetíns que levaba postos son capitalismo. Que as zapatillas deportivas que levaba postas son capitalismo. Que os gallumbos que levaba postos son capitalismo. Que a camisola que levaba posta é capitalismo. Que a chaqueta tamén é capitalismo. O señor Roca tamén é capitalismo.

Conclusión: hai que pensarse muito o de ser anti-sistema. Andar espido é complicado...

Quizais estemos no momento. Nova arroutada benególoga con pousos de manifesto vangardista

"Porque en cada relanzo do camiño hai unha voz que nos berra: Máis Alá!"

Manoel-Antonio. Manifesto Máis Alá, 1922 (penso)


Nos anos 60 do pasado século unha nova xeración ( e nalgúns casos non tan nova) de nacionalistas galeg@s decidiu saír do guión establecido e crear novas organizacións políticas: a UPG fundamentalmente, e tamén o PSG. Nun contexto de dictadura franquista, estas xentes, estas organizacións, en sintonía coa loita contra o réxime, aproximáronse ás análises marxistas, e forxaron o nacionalismo político realmente existente, que se sitúa en coordenadas de esquerdas, en sentido amplo. En 1982 existe unha primeira confluencia destas forzas e colectivos e créase o Bloque Nacionalista Galego, pra saír dunha situación de marxinalidade política trala transición. Na formación desta fronte a organización máis forte, a UPG, un partido comunista, era a columna vertebral que aportaba solidez á iniciativa. O invento era un pouco deles. De 1982 a 1997 o BNG vive un ciclo de expansión electoral e social impresionante. De 54mil votos e 1 deputado no Parlamento Galego en 1985 a 395mil votos e 18 deputad@s en 1997, o seu teito electoral ata o momento. A partir deste ano, o BNG comeza un lento pero progresivo devalar electoral que se certifica elección tras elección. No ano 2005, o PP perde a maioría absoluta no Parlamento Galego por un só escano e iso permite a PSOE e BNG sumar pra formar un goberno bipartito que acaba catro anos despois por non conseguir parar unha nova maioría absoluta dun PP renovado con Alberte Nuñez Feijoó.
                                                      
Nesta tesitura, a UPG decide abertamente tomar cartas no asunto pra redirixir o BNG a través da plataforma Alternativa pola Unidade. A idea é encetar unha estratexia integrada de mobilización social en varios frontes que entronca ca cultura política inicial deste partido, de tradición leninista, onde esta organización vai colocando persoas clave nos centros de decisión doutras organizacións satélite, no ámbito sindical, cultural, mediático, lingüístico, agrario, ecolóxico, estudantil, mocidade, ...

Unha estratexia sincera, porque eu son dos que pensa que en liñas xerais a UPG é unha organización de xente moi comprometida que ten fe no que fai, pero na miña opinión é unha estratexia obsoleta, tanto pola metodoloxía organizativa como polo discurso ideolóxico empregado. As esquerdas sociais están pedindo a berros formas máis horizontais de actuar, a interacción mediante redes sociais heteroxéneas, a presión sobre as organizacións políticas para que abran ás súas lóxicas internas á realidade social, e tamén que demostren capacidade para a xestión eficaz dos asuntos públicos. Habería moito máis que dicir ao respecto.

Teño a sensación de que quizais estemos no momento en que unha nova xeración (e nalgúns casos non tan nova) de nacionalistas galeg@s se saia do guión marcado do ciclo encetado nos anos 60 e levante sen complexos novos referentes políticos, ideolóxicos, culturais en definitiva que respondan á dialéctica destes tempos de principio de século XXI, tempos incertos, críticos e de cambio cultural. De feito xa se dan indicios para pensar que un novo ciclo se está abrindo no nacionalismo galego.

O contexto do nacionalismo é moi diferente naqueles anos 60 que agora. Daquela @s nacionalistas galeg@s contábanse por centos e agora cóntanse por decenas de miles. Por tanto esta sensación de que unha nova cultura política está emerxendo e superando a anterior ten riscos de converter o nacionalismo galego nunha guerra civil onde poidera ser que este emerxer non frutificara ou fora unha ilusión idealista. Pode ser. En todo caso tamén hai que recoñecer o esforzo entregado de moitas persoas de todas as tendencias ao longo destas décadas para forxar algo moi difícil, e é que o nacionalismo galego de esquerdas teña un significado espazo social, político e electoral.

Pero persoalmente sinto a necesidade de superar un discurso percibido como caduco e autista, e creo que coma min moita moita xente, e de expresar sen complexos a necesidade de cambio e dicir as cousas como se pensan sen que certa xente se permita a licenza de cuestionar o teu compromiso nacional ou de esquerdas.

Son consciente que a UPG tampouco é unha organización monolítica e que certos sectores dela están en conexión con estas ideas e cos novos tempos. Percíbese isto nalgúns militantes ou achegad@s que en liñas xerais baixan dos 40 anos.

O futuro é noso, a nación pervive a través das súas xentes. Persoalmente, como sinxelo cidadán galeguista e progresista, fago un chamamento a toda a xente que se sinta reclamada por este artigo a activarse pra aportar o seu gran de area sen complexos de ningún tipo para conseguir un país máis soberano e con benestar e xustiza social.