4 de outubro de 2013

Recuperación

Hoxe, nunha copistería, un anuncio manuscrito dunha persoa (suponho que dunha mai) solicitaba cambiar os livros de texto do seu fill@ de 5º de primaria, xa caducos, polos de 6º do novo curso. Saín do establecimento un pouco emocionado, e ao pouco, un home pedía sentado nunha rúa cun letreiro que máis ou menos punha "Parado de la construcción. Pido una ayuda". Non era o que o imaxinario colectivo entendía até hai pouco coma un "pobre de pedir", é dicir, un excluído crónico acostumado a esa actividade. Seguramente este home até antes da crise levaba unha vida "normal". Esta tipoloxía de neoesmolantes proliferan polo centro de Compostela. Persoas absolutamente desposuídas pola crise que se vén obrigadas a pedir na rúa.

Onte un rapaz de 23 anos morría nun albergue de Sevilla con 30 kg de peso. E para colmo dos colmos sabemos do horroroso suceso de Lampedusa, centos de persoas mortas buscando a suposta melhor vida europea.

260 mil persoas estamos rexistradas como demandantes de emprego na Galiza. A cidade da Coruña enteira, excluíndo a contorna, para ser gráficos. Dos centos de miles de moz@s e non tan moz@s deste país que nunca deixaron de marchar melhor non falar, ou sí, porque eses nunca saen no trunfante Telexornal Mediodía da TVG. A nivel de estado somos 4 millóns 700 mil desempregad@s.

Eu non son amigo de grandes sentencias do tipo o capitalismo mata porque son o primeiro que se marabilha da incrível potencia de producción dese sistema económico. Basta olhar este portátil que estou tecleando. A cuestión é que o capitalismo non ten límites se non se lhe ponhen e a súa preocupación polos efeitos de exclusión social son igual a cero, agás que o conflicto social chegue ás portas das mansións dos barrios "bien".

Así que o que un podía agardar ante este panorama é que os mecanismos de protección social que temos (iso que se lhe chama estado de benestar) se visen fortalecidos para facer fronte a un exército de persoas sen trabalho, sen ingresos, pedindo polas rúas, sen posibilidade de mercar os livros d@s nen@s, e en casos extremos morrendo de inanición. E sen embargo o que parece é que eses mecanismos de protección se están erosionando, laminando, igualinho que as condicións de vida de muitas persoas onde a procesión vai por dentro, limando seres humanos e desgastando o contrato social.





 

Um comentário:

  1. Levo un bon anaco de tempo escribindo-borrando, escribindo-borrando. Qué ganas de falar contigo como é debido Breo!
    Aperta xigante.

    ResponderExcluir