25 de setembro de 2013

Malpensado

Voume meter un pouco en poleiro alheo: a proposta de Beiras de conformar cara as europeas unha fronte ampla a nivel estatal é obviamente lexítima, e terá, coma sempre, muitas e diversas interpretacións, pois cada un fala da misa coma lhe vai nela.

Eu quero ponher o acento en clave de táctica interna dentro do xogo político no nacionalismo galego post-Amio. Beiras e os seus saben que ANova e o BNG se sitúan no mesmo espazo ideolóxico e político, o soberanismo escorado na esquerda "real". As diferencias nese sentido son mínimas, se cadra estéticas. Beiras e os seus saben que que ANova consiga a fortaleza organizativa do BNG é sumamente difícil. Por iso se alían a Esquerda Unida, para marcar distancias e non resultar fagocitados a curto-medio prazo polo BNG. Beiras e os seus saben da potencialidade eleitoral do liderado do catedrático, xa contrastada nas galegas, xunto co ascenso eleitoral xeral de Esquerda Unida. En certo modo, a táctica é seguir facéndolhe a "puñeta" ao BNG pra nun futuro ter capacidade de negociación na correlación interna da esquerda nacionalista.

O que un menda lerenda non entende é coma desde posicións nidiamente galeguistas se pode xogar a botar abaixo o principio de autoorganización. Eu, persoalmente, non me distanciei do "mundo" BNG para sustituílo polo "mundo" Esquerda Unida. Ao BNG, e á UPG, haberá que reconhecerlhe o trabalho de décadas, tenaz e constante, de labrar un espacio sociopolítico para o nacionalismo, o que precisamente provocou a irrelevancia de Izquierda Unida na Galiza e que o sistema político galego non se homologase ao de Madrid ou ao de Murcia totalmente.

Distancieime do BNG, acho que pra sempre, porque considero que é necesario que o galeguismo político se diversifique política e ideoloxicamente e, nese plano, a minha tendencia persoal encándrase nun proxecto de centro-esquerda renovadora que ofreza unha alternativa de governo disposta á xestión pública e a vertebrar país e sociedade desde as institucións. Considero que isto é mui necesario para a transformación real do país dado o hostil contexto e que ese proxecto é o que defende Compromiso por Galicia. 


Nenhum comentário:

Postar um comentário