18 de outubro de 2013

Alúmina Aluminio


Cando era un neno pre-adolescente (finais dos 80 e comezos dos 90) a etiqueta Made in Spain era recorrente na roupa que levabamos, nos alimentos, mesmo nos electrodomésticos e aparelhos electrónicos. Agora, é unha anécdota: China, Vietnam, Indonesia, BanglaDesh,...

Parece que a dinámica económica nos foi facendo meros consumidores de muitos produtos, mais non produtores, e paréceme a min que iso significa ir socavando os cimentos da sociedade até que se desmorone como un castelo no aire.

Por ser gráfico, tod@s queremos ser comunity manager, mais non vai haber empresas ás que posicionar. 

Hai uns días o presidente Feijóo, que se concibe a sí propio como o representante do estado espanhol na Galiza, dicía que calquera cidadán entende que unha familia non pode gastar máis do que ten,e que o mesmo se extrapola a nivel macro para o sector público. O que non nos argumenta este vendedor de fume, cada día con máis cara de camaleón, é que, como pode explicar un Paul Krugman, un agregado de centos de miles de familias con caída de ingresos, afectadas polo desemprego e a baixada salarial, o que producen é unha contracción económica brutal, e que se a iso lhe sumas a mesma actitude no poder político, a sequeira aínda se acentúa.

A cuestión é se o poder político está na obriga de facer política económica con maiúsculas, olvidarse dos teitos de défice, e voltar a un papel activador da economía.

Non deixa de ser curioso por outra parte cómo foi precisamente a faciana máis especuladora e financeira do capitalismo á que meteu a muita xente na lóxica imparável dos anos dourados, de vivir por "encima das posibilidades", de posuír o que non tocaba a costa dun endebedamento privado promovido pola banca e tolerado polo estado.

Certo é que o sector público ten que melhorar a súa xestión, crítica e autocrítica que debe abordar o progresismo e as esquerdas, mais se algo podemos aprender desta crise é que a política debe regular e controlar a economía, do mesmo xeito que a cidadanía e a sociedade civil deben controlar a política, e o equilibrio social depende de contrapesos axeitados.

Eu non atopo outro caminho que unha decidida aposta por unha actualizada mais contundente política socialdemócrata. Onde está escrito que o estado non pode volver a promover a producción industrial ou defender sectores estratéxicos? Mesmo a Constitución Espanhola contempla tales políticas.

Xa non escrevo máis, creo que se me entende por onde vou. 



Nenhum comentário:

Postar um comentário