11 de novembro de 2011

A jlobalisasión

A miña memoria gardou con intensidade este intre que vos vou comentar. Alá polo ano 2005 cara Xullo fun cos colegas da Pontenova, a miña vila, que linda con Asturias, ao festival da Carballeira de Zas, alá preto da Costa da Morte. Xa entrada á noite e coa debida carga etílica, comecei interactuar coa xente do lugar. Falando cuns rapaces do mesmo Zas comenteilles de onde viñamos nós, ao que un deles me contestou, con sorpresa e sorniña á vez: "Ostia, ¡de tan lonxe vides! ¡Esto sonche cousas da jlobalisasión! O detalle pareceume un chispazo xenial e así o conserva a miña mente.

Todo esto vén a conto da miña leitura de hai uns días do documento "Alternativa pola Unidade no e co BNG" , datado en Xullo do 2011, que atopei na páxina web www.alternativapolaunidade.info. Como sabedes, esta é unha corrente do BNG promovida pola Unión do Povo Galego (UPG). Como sempre, da UPG pódense dicir muitas cousas, pero non que non é unha organización seria. E o texto en cuestión, curtiño, é un texto serio. Facendo un resumo moi simplificador, o texto vén a dicir que a única alternativa que en Galicia existe á globalización é o nacionalismo galego organizado, neste tempo histórico. E por así dicilo, fai unha emenda á totalidade á iso que chamamos globalización.

Isto faime pensar cousas que xa pensaba e que agora tratarei de plasmar aquí. Na miña opinión o proceso de globalización non é un proceso unidireccional, unidimensional ou lineal. É un proceso de cambio que plantexa forzas contradictorias e un futuro imprevisible. Unha desas forzas é sen dúbida a expansión global do capitalismo occidental, co seu proxecto político, económico, e ao cabo a súa uniformización cultural. Porque todo todo ao final é cultura. Pero tamén creo que a globalización está abrindo ventás e dinámicas distintas que non sabemos moi ben onde van acabar.

Unha destas dinámicas é o que está a pasar co tema da información e da comunicación, en relación á universalización de novas tecnoloxías que están en continuo desenvolvemento. O concepto do control da información por parte do poder económico e político estase vendo socavado. Quizais o exemplo, coma outros muitos milleiros posibles, de Wikileaks, é unha mostra. Por outro lado está a velocidade coa que se comunica esa información. Certamente bestial. Probablemente o Terra e Tempo, a publicación histórica da UPG, nunca contou cunha capacidade de difusión e unha "audiencia" coma a que conta agora, grazas a estes mecanismos tecnolóxicos.Este feito pode producir un cambio cultural sen precedentes cuxo resultado, repito, me parece incerto.

Outra das dinámicas sobre as que me gustaría poñer o acento é sobre a circunstancia, que non me parece casual, de que sexa no actual marco da globalización que Occidente pareza comezar o seu devalar e surxan ou resurxan novos países, novas potencias chamadas emerxentes, no tabreiro internacional, coma China, a India, Brasil, Rusia, etc... esto parece contravir a visión dunha globalización unidireccional e por outro lado plantea, polo menos esta é a miña opinión (especialmente polo que respecta a China e a Rusia), interrogantes sobre un posible retroceso nas conquistas democráticas. Perdoade que volo diga, pero sin ser un entusiasta dos sistemas políticos occidentais e da súa hipocresía cara o resto do planeta, de China e Rusia non espero gran cousa ao respecto.

Ben. Por hoxe xa chega de amolar. Pra pensar un chisquiño e onde dixen digo digo Diego.

"Sonche cousas da jlobalisasión"

Nenhum comentário:

Postar um comentário