Hoxe é o día da "Galiza Mártir", lembrando o asasinato por fusilamento do líder galeguista Alexandre Bóveda pola barbarie falanxista un 17 de Agosto de 1936.
76 anos despois a barbarie non cesa. Imaxes e novas descorazonadoras venhen de Exipto, de Siria, etc. Dicía Herman Hesse que un "soldado morto é a eterna repetición dun erro". Habería que engadir que calquera persoa asasinada tamén.
A historia está elaborada de barbarie. O ser humano é ben contraditório, capaz de creacións marabilhosas para a súa supervivencia e de atrocidades desasosegantes.
Eu hoxe quero homenaxear os actos sinxelos da microhistoria. A meu avó paterno, por exemplo. Vigués de orixe, bo xogador de futbol, "pendenciero". Apenas o conhecín. Estalou a reacción feixista, chamárono a filas os sublevados, e desertou. Intentou pasar desapercibido e marchou de polizón nun barco a Cuba, coa mala sorte de que en chegando á ilha caribenha o descubriron e o mandaron de volta. Aplicáronlhe a lei de "vagos y maleantes" e desterrárono da provincia de Pontevedra.
Acho que non había unha especial motivación ideolóxica na deserción de Ventura Valcárcel, nen unha fidelidade consciente á República. Sinxelamente non quería ir á guerra. Non quería morrer e non quería matar.
E, sinceramente, non se me ocorre argumento máis poderoso ca ese.
Non á guerra.
Nenhum comentário:
Postar um comentário