No traxecto de tren que fago do lugar onde vivo ao trabalho en Barcelona, é
habitual a actuación de esmolantes, normalmente musical, para recaudar
unhas moedas. Un destes esmolantes, cando menos, é da velha escola; quero dicir,
probablemente xa fose o que é antes da crise. Farrapento, moreno e delgado,
xa dunha idade importante, ca pel da cara curtida pola pobreza. Non sabería
precisar a súa orixe. Podería ser balcánico, ou búlgaro, húngaro, moldavo.
Ou mesmo turco. É unha incógnita.
O sector das perfomances caritativas do comboio tamén é cruel e competitivo,
e é fundamental a diferenciación e a orixinalidade, máis nestes tempos. O caso é
que este hominho entranhábel suple a súa carencia de calidade musical e
sofisticación cunha posta en escea chamativa: toca unha burda melodía cunha
armónica, mentres caminha cun baile ben cómico e desancompasado que consiste en
dar zapatazos contra o chan. Consegue superar a consuetudinaria indiferencia
dos usuarios metropolitanos da Renfe, mesmo ainda que xa o tiveras visto máis
veces.
Renovarse ou morrer, debeu pensar o velho, cando hai uns días me
sorprendeu cunha curiosa innovación no seu consolidado número. Comezou coma
sempre, coa súa melodía e o seu imperfecto claqué, mais de cada certo tempo
paraba en seco a música e o baile e berraba: Viva República Catalana!
O acto é intrascendente, pro eu sonche bastante flipado, e non puiden deixar
de percibir no feito unha potente carga simbólica, como o síntoma de algo, como
a consolidación dun preludio. Gostaría de desentranhar que internos procesos de
toma de decisións levaron a este cidadán sen nome a introducir tal extratexia de
marketing na súa artística peza.
Cousas da vida 2.0, camarada Castelao.