31 de maio de 2012

Ca corda ó lombo

Esta manhá escoitei esta canción a través das redes sociais, ademais por un motivo moi bonito coma é o nacemento dun neno. O caso é que me atopo melhorando o meu inglés e, ademais, a minha mente leva ecoando eses violíns e esa voz todo o santo día. Estiven a punto de bailar pola rúa. O tema xa o conhecía, pero nunca reparara nunha letra tan fermosa, fulgurante e libertaria, que merece esta entradinha no blogue, a ver se vos pasa o mesmo! ;)

http://www.youtube.com/watch?v=XFrMSJgOIpM



11 de maio de 2012

Un misterioso asasinato nunha aldea de Viveiro

http://www.crtvg.es/informativos/dous-cans-matan-unha-vaca-en-viveiro-281869#.T62U11KWJKG


O pasado 28 de Marzo deste ano o informativo da TVG Galicia Noticias comezaba a súa edición cunha conmovedora nova: dous cans sen dono asasinaron, presuntamente (vivimos nun estado de dereito), a unha vaca e quedaron deitados xunto á víctima ata que un ser humano, a dona da vaca, apareceu, momento no cal os supostos criminais se deron á fuga. Os feitos son especialmente arrepiantes se temos en consideración que o móbil do asasinato non foi un natural interese gastronómico dos cans cara a vaca, cousa que pode entrar dentro da lóxica da cadea animal, pois tamén mesmo os humanos matamos animais pra nos alimentar. Non! Os cánidos mataron a vaca e non contentos con iso agardaron, nun acto de extremo ensañamento, xunto ao cadáver. Por sorte, unha outra vaca, ademais preñada, logrou safarse do ataque.

Un equipo de reporteir@s da nosa televisión nacional, a TVG, desprazouse ao lugar dos feitos, unha aldea de Viveiro sen precisar, e tomou declaración (nun sentido xornalístico, non policial) aos donos das vacas. Coma se pode ver na gravación a muller adoita unha posición descriptiva, relatando como atopou a vaca morta e os cans custodiándoa. Ao final atrévese a facer unha valoración emocional, normal por outra parte, afirmando que a vaca tivo que sofrer moito co atenuante de ser un acto a "sangre fría". A intervención do seu home resulta máis explicativa e mesmo diría que moi inquietante. En primeiro lugar, mostrando certa sabiduría previa, alude ao posible modus operandi dos suxeitos neste tipo de crimes. Pero o que resulta máis turbador e é un dato significativo que debería ter máis profundización, é o feito de que o home afirma que a vaca era unha vaca "violenta". Para min estamos ante un dato que pode cambiar o sentido do tráxico suceso. Porque que pasa se establecemos como hipótese de investigación que foi a vaca a que comezou as hostilidades ou mesmo que chegou a tal nivel de provocación que os cans responderon, iso sí, dun modo desproporcionado? Habería lugar a falar de defensa propia? Por que non remataron a vil faena ca outra vaca preñada, podendo seguramente facelo? Por qué unha sí e a outra non? Sen dúbida ábrense interrogantes que poñen enriba da mesa que ás veces as aparencias enganan e hai que chegar ao fondo dos asuntos. Mesmo poderíamos supoñer como remota hipópese unha trama urdida polo home, que non gostando do carácter violento e conflictivo da vaca, podería ter contratado aos cans pra axustar contas.

O caso é que o suceso é estrano, e aínda máis se consideramos que en ningún momento parece que os cans tiveran precedentes actos conflictivos no lugar, posto que ao menos un deles xa era coñecido na súa condición de can sen dono, can bravo, can vagabundo. Isto lévame tamén a reflexionar sobre cales foron as circunstancias que levaron aos cans á condición de animais lumpen vagantes e se tivo isto algo que ver no fatal desenlace, dalgunha maneira. Foi unha escolla persoal? Foi debido a un proceso de exclusión social, tendo en conta o carácter domesticable dos cans? Foi unha combinación das dúas? Pode levar a marxinación a cometer actos de tamaña crueldade? Eran cans con estigmas? Deixo estas preguntas no ar.

Sobre o tratamento informativo que fai a nosa televisión pública tamén caben unhas cantas consideracións. Non vou ser eu quen diga que un asasinato destas dramáticas características non sexa noticiable, pero na miña opinión faise un tratamento sensacionalista, buscando incidir nos aspectos máis emocionais e mórbidos, como amosarnos unha poza de sangue ou, o que me parece máis grave, ofrecendo un primeiro plano da vaca que se salvou, que abondo tivo co traumático acontecemento, co agravante de estar embarazada. Que o faga Pedro Piqueras en Tele5 pode valer, pero a unha canle pública podemos esixirlle un código profesional máis intenso.

Sexa como for, a vaca está tristemente morta e os cans teñen todas as papeletas e indicios para seren declarados culpables do asasinato. Os feitos están en coñecemento da policía e por tanto nestes momentos os cans son uns fuxitivos da lei. Sen sabelo exactamente e tendo en conta que os cans non se poden defender verbalmente das acusacións que se lles atribúen, a condena para estes casos é a pena de morte por inxección letal. Vamos, que o teñen fodido, a non ser que a policía profundice nas hipóteses que plantexo neste post, o cal podería suavizar o duro destino dos animais. Só me queda preguntarme se estes cans terán coñecemento da historia de Thelma e Louise.

http://es.wikipedia.org/wiki/Thelma_y_Louise#Argumento


8 de maio de 2012

Safari mental

Chove. Cada pouco miro pola ventá pra ver como chove, cunha certa sensación de prisión, de impotencia, de limitación. Non podo ir correr e éntrame o delirium tremens. Estou facendo un cocido. Gústame o olor dos ingredientes mentres cociño, especialmente o olor dos cañotos dos grelos. Teño a radio acesa, Radio 5, que me recorda que aí fóra o capitalismo segue na súa montaña rusa, nas súas cíclicas crises...
Sobre a mesa teño un libro recentemente saído e mercado na Feira do Libro de Compostela: "¡Acabad ya con esta crisis!", de Paul Krugman, que parece ser o Keynes do noso tempo, pero de momento non lle fan caso. A pota fai glú glú glú mentres escribo isto.
Chove. Estou aquí. Parado. Krugman di que a miña é unha situación estructural. Un drama humano e social. Desaproveitado. A chuvia tamén é unha situación estructural. Leva un mes e medio chovendo.
Glú glú glú glú. Chop chop chop. Xa teño os greliños escollidos e limpos, a carne e os garbanzos cocendo e as patacas en posición de saída.
Mentres podía mirar o facebook, o correo e trangalladas varias, pero comezo a pensar que o facebook sobre todo é unha espiral, un abismo no que entras e te atrapa e mesmo te atonta. Hai que dicirlle que non ás veces.
Miro a ventá. Chove, barruza, orballa. Facendo un cocido quedas moi ben pero é realmente aburrido. Realmente fácil. Iso sí, só tiven o erro de non acordarme de poñer a remollo os garbanzos.
Francia, Grecia, China, O Novo Proxecto Común, Mourinho, a chuvia, e este jicho posible presidente da SGAE!

www.youtube.com/watch?v=1rRCehu79-A

Glú glú glú. Chop chop chop.

Safari mental...


19 de março de 2012

24 de fevereiro de 2012

Tormenta de sensacións.

As vacas non teñen facebook. Topicazo.
O caso é que toda unha vida vendo eses singulares elementos, as vacas, e son unhas grandes descoñecidas para min. Son puntos na realidade.
O outro día acadei levitación mística no meu coche de tecnoloxía alemana escoitando flamenco do bo por radio 3, mentres sulcaba a Terra Chá, que somentes é un pobo alí, outro acolá.
Os tractores John Deere teñen algo de movida pop-art. Teñen deseño nacional-popular e son un punto de encontro entre Lleida e Lugo.
Na tenda da cooperativa dos Irmandiños na Devesa venden tractores John Deere de xoguete, con todo tipo de accesorios, para que xs nenxs emulen aos pais.
As nubes non teñen patria, son claramente libertarias e misteriosas.
Que o sol quente en Febreiro ten algo de apocalíptico. 
No aeroporto de Xenebra todos os taxistas eran portugueses. Seguramente do Norte, e esteticamente de Baralla ou Láncara. 
En fin, xa me expresei un anaco e secou a fonte. 

2 de fevereiro de 2012

Anatomía dun instante

Esta mañá fun correr a pesar do frío que vén de Siberia. De feito inda era frío a medias, pero frío. Almorcei, puxen o traxe de superdeportista (mallas longas e camisola térmica megaguai) que me regalaron os meus compañeir@s de ex-traballo, e alá fun catar os ventos case polares. Os corredores habituais temos unha especie de adicción e soemos dicir aquelo de que correndo se sinten cousas difíciles de explicar e fáciles de vivir. Quizais Murakami no seu libro "Do que estou a falar cando falo de correr" soubo poñerlle verbas ás orgánicas sensacións do suceso.
O meu particular transcorre pola rasa da Mariña de Lugo, íntegro polo concello de Barreiros, alternando pistas interiores entre casas de labranza, chalets e demais cogumelos urbanísticos, ca grandiosa abertura do mar Cantábrico e a prácida tranquilidade da pequena ría de Foz.
Polo paseo marítimo zoaba o vento, contra o cal pelexei un bo anaco, e este mar, ao que hai sempre que temerlle, teimaba insistentemente en golpear a terra, as praias.
Algo que estou redescubrindo desde a miña volta a estes lares, é o marabilloso ceo, que adoro. Até no ceo o país teima en ser disperso, cunhas nubes densas que por momentos parece que che queren dicir algo. Tamén o ceo meditarráneo é apetecible, esa luz que acaba sulcando os ollos sen pedir permiso.
Despois dunha hora de trote a paso lixeiro, cheguei de novo á casa matrucia, e sen ducharme aínda, preparei a estufa de leña pra encender o lume. Ritual espiritual que acaba en pasmosa observación do fenómeno ardente. Primeiro quitarlle as cinzas ao habitáculo, despois enchelo de follas de periódico, que che permiten relembrar novas que eran importantes e agora son insignificantes, acto seguido escoller as mellores pezas de leña pra xerar a primeira brasa, e prenderlle lume cun chisqueiro e velar polo correcto desenvolvemento da invasión do "fogo". E finalmente buscar máis leña na palleira pra repoñer o canasto do salón, operación que che fai sentir rústico mohicano por un momento. Iso ata que te duchas no plato con temperatura regulable e te pos H&S no pelo e xel con partículas raras do Eroski no corpo.

24 de janeiro de 2012

Catalunya para galeg@s con poucos prexuízos (porque ningún é imposible)

Complexidade. Catalunya é marabillosamente complexa. Complexa no social, no cultural, no lingüístico, na orixe das súas xentes. Unha vez lin que aproximadamente a metade dos cataláns (persoas que residen en Catalunya) non naceron en territorio catalán. En Catalunya aprendín que ser catalán tamén é ser andaluz, rifeño, marroquí, extremeño, paquistanés, mallorquín, ecuatoriano, aragonés, ucraniano, e un longo etc... e por suposto galego tamén. Por iso e por regra xeral, por termo medio, e contra do que se di, os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen certas e obxectivas contradiccións.

Autogoberno. Se a xente da Iberia entendera que este concepto é a chave das noces para entender aos cataláns non habería tanta catalanofobia. Disque os cataláns piden e piden e non teñen fondo no seu insaciable egoísmo. Pero a maioría social do país catalán o que quere é basicamente máis autogoberno. Uns chámanlle independencia, outros transición nacional, outros federalismo. Pero ao cabo non piden máis que poder dispor do que eles producen, poder xestionar os seus recursos pra poder ser un país. Eis a clave.

Poder burgués. Non nos enganemos. Se Catalunya ten peso político é porque ten peso económico, poder industrial e estratexia económica de seu. Porque unha parte, que non toda, da elite económica do país se identificou ca reivindicación nacional, historicamente até os nosos días. Isto determina a capacidade mediática e institucional e a transversalidade do catalanismo. Xunto a unha sociedade civil moi dinámica en todos os ámbitos, e cando digo todos digo todos (deportivo, social, cultural, etc, etc,...)

Lingua. A vontade dos cataláns de manter viva unha lingua non global coma é o catalán é heroica, envexable e das cousas máis emotivas da sociedade catalana. E cun modelo, permítaseme a redundancia, modélico. Porque é unha soberana mentira que á xente se lle impoña o idioma catalán. Sinxelamente é unha lingua con valor na sociedade. Ou o tomas ou o deixas. En 7 anos non tiven ningún mal detalle pola miña condición de "nou català" e nin tan sequera ningún impedimento laboral polo meu catalán autodidacta e tirando a perralleiro.

Non hai arcadias felices e tampouco cómpre idealizar Catalunya e a súa sociedade complexa. Como hai luces tamén hai sombras. Pero Catalunya, probablemente pola súa ubicación e o seu carácter cultural ten ese punto de modernidade e progreso que tira da Iberia. Eu xa teño algo de catalán no meu sustrato persoal, ao que non penso renunciar e por iso sempre mirarei a Catalunya coma referencia. Permitídeme a cursilería, pero Visca Catalunya lliure!  

Manifesto praxeolóxico

Ás veces a xente, algunha xente, adoita a dicir aquelo de que as árbores nos impiden ver o bosque. Sen embargo ás veces, tamén, eu penso que é o bosque o que nos impide ver que hai árbores, e cales son. Que cada quen entenda o que queira. ¿?

16 de janeiro de 2012

He dicho que no

Nacín no 1979 e funme da Galicia á que agora volto en Setembro de 2004. Polo tanto medrei e fíxenme "grande" con Fraga coma presidente do meu país. Non teño unha visión positiva deste home ou dito doutro xeito, teño unha visión negativa. Era unha persoa conservadora, reaccionaria e autoritaria. Non me fío dunha persoa que di que ten o estado na cabeza. Lagarto, lagarto. Moi flipao. Xa sei e non lle quito o mérito de saber ver que os tempos estaban cambiando e que era renovarse ou morrer pra "derechona" española. Era un animal político capaz de xuntarse con Carrillo, con Fidel Castro ou con Beiras de "cenita". En Galicia, desde que recalou, fixo unha xestión e unha política cando menos criticable. Exprimiu ao máximo o clientelismo, un sistema de asignación de recursos que bloquea un país máis que facelo avanzar. Clientelismo, nepotismo, compra de vontades, inauguracións, gaitas, queimadas, romerías, golpes na mesa, carreto de votos, populismo, fixemos tantos ambulatorios, dámoslle empanada aos vellos. Demasiada realpolitik. E control lastimante dos medios de comunicación públicos. Recordo no ano 2001 a frustración persoal que sentín cando o PP voltou a gañar con maioría absoluta e Fraga coma candidato. E despois no 2005, con Prestige incluído, jamacucos e decrepitude, perdeu a maioría absoluta polos peliños do cú. Está claro que conectou cunha parte importante do pobo galego. Ese pobo co que agora Feijoó rentabilizará o que poida a morte do vello. Xa se porá TeleFeijoó en marcha pra iso.
Non vos sei meus amigos se alegrarme ou entristecerme ou non sentir nada do falecemento de Fraga. Desde logo non vou dar chimpos de ledicia. O que sí sei é que pra @s galeg@s este feito é importante porque estamos a falar dun símbolo que forma parte do noso imaxinario colectivo e que nos persegue alá a onde imos. Sexamos detractores ou admiradores. Persoalmente espero que a desaparición física de Fraga faga sacar á luz toda a realidade do personaxe, sen prexuízos, e tamén signifique un pasar páxina na historia dun país. Máis sombras que luces as deste home. Mal rollito.